Roteiro e baile ancarés para dinamizar a montaña

CERVANTES

Entre o 28 de xaneiro e o 27 de maio celebraranse en Piornedo unhas xornadas de danza tradicional

26 ene 2018 . Actualizado a las 19:48 h.

A Asociación Cultural O Teixeiro continúa promovendo iniciativas para que Os Ancares non esmorezan. A próxima activade combina roteiros e bailes ancareses, co obxectivo de dinamizar a montaña e recuperar bailes propios. Trátase das Xornadas de Baile Ancarés, que por primeira vez se farán como obradoiros individuais e independentes en cinco datas diferentes, para que os interesados poidan escoller asistir só a algún taller ou a todos. Terán lugar entre o 28 de xaneiro e o 27 de maio, en Piornedo.

O encargado de impartir as clases será Xabier Iglesias, un experto en baile tradicional e nos puntos dos Ancares. «O curso será moi ameno e didáctico, queremos que non se perdan o baile e a música da montaña, que teñen as súas peculiaridades», explica Isolina Rodríguez, membro de O Teixeiro. Estes bailes están desaparecendo «porque se perde a xente, todos se van indo, os novos marchan e os vellos vanse cos fillos ás vilas ou a residencias, así que hai como unha ‘desgana’, perda de interese e negativismo que intentamos rachar con estas actividades, para que a xente valore o que ten», engade.

Visita etnográfica

Ademais dos obradoiros, organizarán roteiros guiados polas mañás: «É un atractivo máis para quen non coñeza a zona. Trátase de roteiros de carácter etnográfico, con explicacións, lendas, mostras de traballos de antes... o que vén sendo a historia en minúsculas», continúa Rodríguez. As actividades están abertas a todo o mundo, non hai un nivel requirido.

Estas xornadas, que terán lugar diante da antiga escola de Piornedo, son unha iniciativa cultural máis de recuperación do folclore das que organizan ao longo de todo o ano desde O Teixeiro, como a Festa da Pandeira ou as Polavilas, que se facían nas pallozas. Tamén organizan cada ano un concurso de postais para os escolares de Navia de Suarna e de Cervantes e, posteriormente, unha visita a Piornedo cos rapaces «para que valoren o noso patrimonio cultural e natural», continúa.

Programa das xornadas:

10.00h. Ruta: opcional

17.00-19.00h. Obradoiros de baile:

· 28 xaneiro: Os pasos base do baile solto

· 25 febreiro: As muliñeiras

· 25 marzo: As xotas

· 22 abril: Os agarrados

· 27 maio: As polavila

Prezo: 5 euros por clase

Contacto: 630 411 518 e 659 523 911