Bodega de Pedro cambia de man

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

KIKE

O próximo mes materializarase o traspaso do emblemático establecemento de Acea de Olga

22 sep 2018 . Actualizado a las 22:54 h.

É toda unha referencia da hostalería na capital lucense. Dicir Pedro López Neira é dicir La Coruñesa e, para os menos veteranos, Bodega de Pedro, en Acea de Olga, un local con 21 anos de historia na avenida de Magoi. Despois de cotizar 50 anos, «sempre na hostalería», López Neira traspasa o seu negocio. O relevo á fronte do establecemento producirase a primeiros de outubro, segundo as previsións. Pero, de momento, detrás da barra, López Neira exerce o seu maxisterio coma se o momento de empezar a gozar do descanso gañado a pulso non estivera xa aí mesmo. Responde as preguntas mentres vai dun lado a outro ofrecendo tapas, cobrando e servindo cafés; mentres saúda aos clientes que chegan e aos que marchan. Está en plena forma, pero, como el di, «chegou o tempo».

-A Bodega de Pedro é un dos primeiros locais de hostalería que abriron en Acea de Olga...

-Si, no ano 1997. Neste entorno, fun o primeiro que abrín; o segundo foi o Monterrey.

-Acea de Olga tivo o seu gran momento na hostalería, pero o centro da cidade recuperou o protagonismo...

-Acordei bos tempos aquí, si; e seguen sendo bos. Para nós tamén son bos agora, aínda que nos falla un pouco a noite. No noso caso inflúenos o non poder poñer terraza, porque non nos autoriza a comunidade.

-Quen se fai cargo deste establecemento?

-Iso prefiro que o diga el, se quere dicilo. O que si é un home que traballou aquí hai tempo.

-Vostede, que é de Castroverde, onde empezou a traballar?

-Pois empecei no Castroverde, na rúa do Progreso, antes de ir para La Coruñesa, que tiven en sociedade. Eu estiven no local da rúa Doutor Castro, 28 anos. Sumados aos 21 que levo aquí en Acea de Olga, dan, en número redondos, cincuenta anos cotizados.

-Supoño que, en tantos anos, o oficio cambiaría moito...

-Moito e en moitas cousas. Agora a xente traballa as súas oito horas e antes faciamos xornadas de 12 ou 14 horas tranquilamente. Tamén cambiou esta profesión, en todo este tempo, noutros moitos aspectos.

-A Bodega de Pedro, como indica a súa decoración, está moi relacionada co mundo do deporte, especialmente co baloncesto...

-Son camisetas, pezas de roupa, relacionadas con xente do deporte en Lugo. Moitos viñan comer aquí. E aínda veñen. Este ano estou supercontento porque o Breogán está na ACB.

-En Acea hai locais coma este que traballan moito, pero tamén hai outros que pecharon e non volveron abrir, e outros que cambiaron varias veces de empresario. Supoño que esta zona acusou a renovación de locais que se produciu no centro no seu día...

-No centro da cidade hai moito novo e moito local renovado aínda recentemente.

«Empecei a traballar no Castroverde, antes de ir para La Coruñesa»

«Este ano estou supercontento porque o

Breogán está

na ACB»

«Acordei bos tempos aquí

en Acea de Olga, si; e seguen

sendo bos»