Un conservatorio para Baamonde

Xulio Xiz TRIBUNA

BEGONTE

28 dic 2020 . Actualizado a las 18:44 h.

Preocupación singular dos gobernantes ten que ser o despoboamento que as nosas aldeas sofren en beneficio das cidades, pola acumulación nestas de postos de traballo, servizos e lecer, impoñéndose a necesidade de fixar e aumentar poboación; conseguir que nenos e mozos que agora están no rural, o día de mañá non o abandonen, e que xente das cidades descubra que é posible vivir de xeito diferente.

Día a día sabemos de artistas que crean na montaña ou na Chaira lucense, artesáns que, utilizando produtos do rural, distribúennos por todo o mundo; estranxeiros que, namorados da Galicia verde e fonda, fanse galegos por convicción, constituíndo un exemplo no que mirarnos á hora de valorar as posibilidades do noso.

Dentro deste panorama chama a atención a iniciativa do Concello de Begonte de concentrar na capital do concello os alumnos dos hoxe dous colexios infrautilizados ?Baamonde e Begonte- e crear en Baamonde a extraordinaria realidade dun Conservatorio profesional de música no que poidan formarse e realizarse centos de mozos chairegos.

Paréceme que esta iniciativa é a mellor maneira de solucionar problemas futuros, e teño como exemplo o Concello de Ourol, para min moi cercano, que hai sesenta anos tiña escolas rurais con medio cento de alumnos; que logo se concentraron na capital do concello, a poboación esmoreceu e o colexio capitalino pechou tendo agora cono función ser residencia da terceira idade. Fixar poboación no rural é imprescindible. Unha educación racional, innovadora e con aspiracións como o que se pretende facer en Begonte pode ser a solución perfecta.