Atopan novas mámoas en Navia e Becerreá

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

Mámoa en Ferreiros de Valboa, en Becerreá
Mámoa en Ferreiros de Valboa, en Becerreá PATRIMONIO DOS ANCARES

Patrimonio dos Ancares xa comunicou á Xunta os achádegos para a súa catalogación

30 nov 2020 . Actualizado a las 16:51 h.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acabadan de documentar dúas novas mámoas nos concellos de Becerreá e Navia de Suarna, unha delas grazas á documentación antiga.

A primeira localizárona no sitio coñecido como Pena da Leira, na parroquia de Ferreirós de Valboa, no concello de Becerreá, a 850 metros de altitude, a carón do antigo camiño que comunicaba as aldeas de A Fonte do Lobo e Guillén. «Trátase dun túmulo duns 17 metros de diámetro e 1,5 de altura cuberto parcialmente de xestas. De lado a lado vense as rodeiras que hai algúns anos lle produciu un tractor. Espalladas pola mámoa vense pequenas pedras de lousa que puideron formar parte da coiraza que a recubría. No centro ten un cráter moi colmatado apenas perceptible», sinala o historiador Xabier Moure.

Este túmulo, explica, figura citado nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrados o día 5 de outubro de 1752 como Medorra da Pedra da Leira que actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Ferreirós de Valboa e Guillén.