Eu tamén son trans

Iria Misa

BALEIRA

ManuelGVicente

Iria Misa, autora de «Mamá, quero ser Ziggy Stardust», reflexiona sobre o peso dos clixés de xénero e o que significa ser trans

25 abr 2019 . Actualizado a las 17:58 h.

-Iria, ti es trans?

Levanto a ollada, sorprendida. Sabía que algunha pequena ou algún pequeno me faría esta pregunta nalgún momento pero, cando ocorre, píllame coa garda baixa. Eu son unha persoa cisxénero, o meu xénero biolóxico e o meu xénero sentido coinciden, polo que me apresuro a contestar que non. Non son trans.

Estou algo contrariada. Acaso non é evidente? Parezo trans? Cando este pensamento suca a miña mente síntome mal, pero non podo evitalo, é algo instintivo. Creo que se debe a que, por un intre, ao verme a min mesma como trans, o meu privilexio de persoa cis cambalea. O meu privilexio de persoa «normal», e iso asústame. Porque ser trans significa loitar por existir. Ter que demostrar, día a día, o teu dereito a ser. Neses escasos segundos en que me enfronto á pregunta, imaxino que son trans e intúo o que sentiría. O que as persoas que non se axustan á norma senten. Isto é o que pasa:

Resulta que a xente que antes me quería xa non me quere, porque non me ve como realmente son. As actividades ás que me dedico molestan, están mal, non son axeitadas. De súpeto, o que visto ofende a algunhas persoas, aínda que non son capaz de ver de que xeito o que eu poña ou deixe de poñer poida afectarlles. Sendo trans, pouca xente quere chamarme polo meu nome e, cada vez que alguén se dirixe a min, síntome como un personaxe ficticio, un impostor nunha obra de teatro da que xamais serei protagonista.

Son trans e desexo, con toda a forza do universo, que as mulleres e os homes do meu contorno me acepten. Non lograrei ser o meu verdadeiro eu ata que isto suceda. Necesito que alguén me atope e me ame por quen son. Algo tan simple e, á vez, tan complicado. Así que non o logro, por máis que me esforzo, e o que sinto é que son inútil. Que non pago a pena como ser humano. Baleira. Estou baleira. Perdón, case baleira: porque os sentimentos, sobre todo os negativos, ocupan moito espazo. E deses estou chea a rebordar.

Agora ben, en realidade é todo isto tan distinto do que sinto sendo unha muller cis? Non quero eu tamén que a xente me vexa? Non teño a necesidade de amosar a miña personalidade: vestir coma min mesma, falar coa miña voz? Non arelo, máis ca nada, escoitar o meu nome dito por alguén que me ama?

Estaba equivocada. Mentinlle ao neno que me fixo a pregunta, pois, agora que o penso, si que son trans. Porque reclamo, cada día, a miña oportunidade para enfrontarme a todo, o bo e o malo, que trae a vida, sen preocuparme polo que teño ou non entre as pernas. Eu son un ser humano, e polo tanto, son trans. Como o resto das persoas cis, trans, non binarias... que só piden o que eu pido: vivir. Liberdade para existir. Non é isto, ao final, o que anhelamos todas, todos, todes? Claro que si. Eu tamén son trans.