lorena garcía calvo
No centro xeográfico de Galicia, en Antas de Ulla, atópase Santa Mariña de Castro de Amarante, unha aldea cun pasado que se perde na historia do tempo e que atesoura unha riqueza patrimonial sorprendente. En cuestión de poucos metros un pode percibir os restos do castro que dá nome á parroquia, observar unha igrexa románica circundada por un chamativo viacrucis de cruceiros e abraiarse ante o mausoleo no que descansan os restos de Inés de Lemos.
Menos de dez minutos separan Santa Mariña de Antas de Ulla. Chegando á aldea dende a vila, o primeiro que sorprende é o corredor pétreo que rodea unha das alas do pazo señorial levantado no século XVIII e que semella mirar ao lonxe dende a súa posición privilexiada. Avanzando uns centos de metros máis, chégase ao punto no que probablemente comezou todo: o castro de época prerromana. A pesar de que hoxe está atravesado pola estrada, distínguese perfectamente o perfil da croa e no seu interior atópase a igrexa da aldea, románica e cargada de historia.