Parte da riqueza patrimonial de Santa Mariña érguese sobre un antigo castro prerromano

lorena garcía calvo
lorena.garcia@lavoz.es

No centro xeográfico de Galicia, en Antas de Ulla, atópase Santa Mariña de Castro de Amarante, unha aldea cun pasado que se perde na historia do tempo e que atesoura unha riqueza patrimonial sorprendente. En cuestión de poucos metros un pode percibir os restos do castro que dá nome á parroquia, observar unha igrexa románica circundada por un chamativo viacrucis de cruceiros e abraiarse ante o mausoleo no que descansan os restos de Inés de Lemos.

Menos de dez minutos separan Santa Mariña de Antas de Ulla. Chegando á aldea dende a vila, o primeiro que sorprende é o corredor pétreo que rodea unha das alas do pazo señorial levantado no século XVIII e que semella mirar ao lonxe dende a súa posición privilexiada. Avanzando uns centos de metros máis, chégase ao punto no que probablemente comezou todo: o castro de época prerromana. A pesar de que hoxe está atravesado pola estrada, distínguese perfectamente o perfil da croa e no seu interior atópase a igrexa da aldea, románica e cargada de historia.

A igrexa románica de Santa Mariña, co seu acceso feito de tumbas
A igrexa románica de Santa Mariña, co seu acceso feito de tumbas ALBERTO LÓPEZ

Unha das peculiaridades do conxunto é o viacrucis de cruceiros que circunda o recinto da igrexa e o camposanto. Catorce cruceiros que evocan as estacións de penitencia rodean o pequeno templo seguindo o trazado do propio castro. Segundo o historiador ulloán Xabier Louzao, o viacrucis podería datar do século XVII e moi probablemente foi patrocinado polos condes de Torrepenela. Algún deses cruceiros acabou co paso dos anos incrustado en propiedades privadas, pero o conxunto mantense en pé. Mentres que trece das cruces seguen unha liña moi simple e sen ornamento, a que se sitúa fronte á fachada da igrexa destaca sobre as demais polas imaxes labradas na pedra. Dun lado un Cristo na cruz, e do outro unha Virxe Dolorosa.

No corazón da croa érguese a pequena igrexa de orixe románica da que se conserva unicamente o magnífico arco triunfal de dobre arquivolta de medio punto. O interior do edificio é de sección rectangular con aristas vivas, e como lembra Xosé L. Santiso, do Instituto de Estudos Ulloáns, «os capiteis combinan a decoración vexetal con decorativo histórico. Jaime Delgado, na súa obra El románico de Lugo y su provincia, logo de citar a autores como Yzquierdo Perrín, atribúe esta obra á escola do mestre Esteban, autor da fachada das Praterías de Compostela; polo que se dataría na segunda metade do século XII».

Os escudos das familias Vázquez e Lemos
Os escudos das familias Vázquez e Lemos ALBERTO LÓPEZ

E é no interior da igrexa medieval onde se localiza a capela mausoleo que se engadiu ao presbiterio polo lado norte no ano 1650, explica Santiso, e dende onde se lle practicou un acceso propio. A data é certeira posto que unha inscrición o certifica. «Esta obra mandaron hazer don jvan Bazquez Taboada y doña Ynes de Lemos Ribadeneira sv mvger. Año 1650», reza.

É baixo esa tumba de forma abovedada onde descansan os sepulcros de Juan Vázquez Taboada (que finou no 1684) e Inés de Lemos Ribadeneira (falecida no 1672). Sendas estatuas axeonlladas feitas en pedra lembran as súas figuras e no conxunto aínda se pode ler a inscrición latina que di que a ninguén máis se lle permite ser enterrado nesas tumbas.

Pero a pegada dos señores non só se percibe no interior do templo, senón tamén no exterior, onde se conservan os escudos de ambas familias.

Un camiño de lápidas antigas que conduce á porta da igrexa

Cando un chega á cancela que da acceso ao camposanto de Santa Mariña atópase un camiño delimitado por mirtos que leva dende o acceso exterior ata a mesma porta da igrexa. Ese camiño, a modo de atrio, non está empedrado, senón que está feito a base de lápidas antigas, algunhas coidadosamente talladas, que debuxan en conxunto un acceso sorprendente.

Pero ese delimitado acceso non sempre estivo así. Explica o sacerdote Javier Diéguez que foi a finais do século XX cando a parroquia remodelou o camposanto. Nun primeiro momento decidiron aproveitar as antigas lápidas para delimitar o acceso, deixando a parte labrada cara abaixo, pero vista a beleza dalgúns traballos, colocáronse finalmente coa parte tallada cara a superficie. Bonito, pero pouco prácticas para o acceso.