«A idea de que o campo é inferior está estruturada»


VILALBa / LA VOZ

Daniel Veiga, gandeiro da parroquia da Aguarda (A Pastoriza), ten un empregado na súa explotación, na que hai en total 84 vacas, das que máis de 60 están en produción leiteira. O traballador ten vacacións estes días e substitúeo outro. Non é doado atopar persoal fixo nin ocasional, como admite este gandeiro, que cre que poucos sectores están fóra do problema: «Dáme a impresión de que non é só na hostalaría», di.

Se a descrición da situación é doada, explicar as razóns xa semella cuestión algo máis difícil. O do gandeiro, comenta Veiga, «é un traballo tan digno coma outro, e iso debe ser visto». Pero que deba ser visto con dignidade non supón que haxa esa visión, como el expón. Afirma que hai xente que aínda considera que o campo non está á altura doutros sectores e que reacciona marchando. «Vanse de aí porque iso é inferior. Esa idea aínda está estruturada na sociedade», comenta.

O que Veiga non cre é que o traballo no campo sexa máis duro ca outros. Máis ben, engade, fáltalle coñecemento doutros sectores para opinar, pero subliña as transformacións das últimas décadas: «O que si che digo é que o traballo no campo mellorou un mil por cen. A tecnoloxía chegou tamén ao campo; non se saca o esterco coma antes; o campo é técnica», explica.

Eses cambios, porén, non deron reducido a distancia entre o mundo rural e o urbano. Veiga veo así: «Non se explica a ninguén o que é o campo; non se achega a xente da cidade ao campo», di.

A boa actitude, necesaria

Para o que comeza o traballo no sector sen coñecelo de antes, recibir algunha orientación non vén mal, aínda que Veiga dálle máis importancia á actitude. «Tes que estar preparado mentalmente. Se a idea que tes é que o traballo é malo, o único que queres é fuxir de aí», opina.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A idea de que o campo é inferior está estruturada»