A Fonsagrada, onde a loita dun pobo mudou en orgullo

A FONSAGRADA

Alejo Romero

Nos primeiros 90, A Fonsagrada ergueuse contra o seu illamento. A partir de imaxes de arquivo, testemuños do presente e proxeccións de futuro, o documental «360 Curvas» revive o episodio das «Movidas»

08 feb 2026 . Actualizado a las 01:30 h.

En 1992, a veciñanza da Fonsagrada colleu picos e pas e púxose en pé para endereitar a primeira curva das 360 que separan a vila da capital lucense. Aquelas imaxes da xente cavando na montaña coas súas propias mans, imaxes coas que remata este documental, resumen o espírito das chamadas Movidas, unha serie de conflitos sociais —provocados principalmente polo anuncio da perda de condición de cabeceira de comarca e do servizo de Extensión Agraria— que axitaron a vida da Fonsagrada durante a primeira metade dos noventa.

Sucedéronse as mobilizacións, que comezaron cunha manifestación en Lugo e remataron cun grupo de veciños pechados durante varios días no Concello ata que foron desaloxados de xeito pouco pacífico polas forzas de seguridade.

360 curvas, a longametraxe en formato de documental dirixido por Ariadna Silva e Alejandro Gándara, que esta mesma semana foi nomeado a mellor documental nos premios Mestre Mateo, percorre ese camiño trazado pola xente da Fonsagrada mesturando pasado, presente e futuro a partir dun retrato coral feito de vivencias, desexos e desenganos. Un retrato representado na familia Méndez e a súa historia de emigración, en Xosé do Figueiro, un gandeiro que medrou entre a perda e a resistencia, ou nos mozos e mozas que aos 18 anos marchan para estudar fóra e que nalgúns casos (poucos) seguen a volver co romántico ideal de dinamizar o territorio.

Un retrato do que tamén son trazos fundamentais as rotundas e explícitas imaxes e gravacións —algunhas delas inéditas—do arquivo do fotógrafo local Manuel Fernández, que testemuñou aqueles acontecementos dende a primeira liña da fronte. Como recoñece a codirectora Ariadna Silva: «Estes arquivos domésticos achéganlle á película moito realismo, moita veracidade e moita honestidade, porque foron gravados polas persoas que estaban sendo partícipes das protestas naquel momento».

Por iso Ariadna Silva e Alejandro Gándara optaron para a narración por un punto de vista en primeira persoa. «Non queriamos, por exemplo, poñer unha voz en off que explicase dun xeito máis descritivo ou de crónica o que aconteceu. Preferimos ser nós mediadores e observadores e concederlles o espazo ás persoas desde o presente para que contasen as súas lembranzas e para que fixesen tamén un retrato de como é o día a día hoxe alí».

Non sería xusto cinguir a achega de 360 curvas ao relato, tan emotivo como necesario, do acontecido nas Movidas. A película toma aqueles feitos como substrato a partir do cal reflexionar sobre o presente e o futuro, neste caso da Fonsagrada, pero podería ser perfectamente extrapolable a moitas outras zonas do rural galego ameazadas pola despoboación e o desmantelamento de servizos.

Unha proposta de reflexión que nace dun discurso cinematográfico non lineal. «Quixemos crear unha coherencia a nivel narrativo e visual, sendo nós tamén parte do discurso desde o presente. Por iso optamos por xogar con esa liña do pasado e presente, como unha especie de xogo de espellos, e despois deixar tamén pé ao futuro, representado no final da película por esa curva que se abre», expón Ariadna.

As curvas sempre como metáfora: a curva do despobamento, a curva como conflito, a curva como distancia xeográfica real e a curva como futuro. «No momento no que a xente fai desaparecer unha das curvas está posibilitando chegar antes, está favorecendo á xente que vén detrás un futuro», explica a directora.

360 curvas racha coa imaxe dócil co que tantas veces se representa o mundo rural galego. «Si, iso era algo que quixemos evitar. Esa mirada lánguida presente en moitas producións cinematográficas que se fixeron. Nós quixemos centrarnos no que está vivo. E está vivo porque hai xente alí que pensa que merece a pena loitar por iso».

Adrián Méndez: «O espírito das "Movidas" segue latente»

El músico Adrián Méndez.
El músico Adrián Méndez. Alejo Romero

A historia da familia de Adrián Méndez (músico de De Ninghures e un dos organizadores da Foliada da Fonsagrada) é un dos fíos condutores de 360 Curvas. O seu pai foi un dos activistas das Movidas cando el aínda non nacera. Despois, xunto coa súa nai, emigrou ao País Vasco e agora, xa xubilados, consideran retornar á Fonsagrada. «Agora que el quere vivir aquí...», contan nunha escena da película.

­—Por que volveu á Fonsagrada?

—Porque toda a miña herdanza familiar é fonsagradina. Meus pais, meus avós..., todos eran de aquí. E porque é un sitio onde con poucos recursos se vive moi ben.

—E por que sentiu a necesidade de revivir e de contar a historia das «Movidas»?

—Primeiramente porque sentín un orgullo inmenso do pobo. Dun pobo que se ergueu fronte a unha inxustiza. E, despois, polo feito de ter esas imaxes de Manuel Fernández tan potentes. Ademais, na Fonsagrada este era un tema tabú, de portas da casa para fóra. Queiras que non, aquela loita provocou roces internos.

—Hai varias voces que coinciden en dicir: «Parece que foi onte».

—Si, incluso na estrea da película na Fonsagrada houbo xente que daquela igual tiña 10 ou 15 anos e dicíannos: «Eu acórdome como se estivese alí». É algo que, despois de 34 anos, a xente da Fonsagrada segue a ter superpresente. Aquilo deixou moita pegada.

—Aquel espírito das «Movidas» segue aínda hoxe presente na Fonsagrada?

—Si, si. Igual non tan reivindicativo, pero si que aquilo segue moi latente.

—Que foi o máis bonito que lle dixeron trala estrea?

—Houbo xente maior que na presentación da película nos dixo: «Nunca pensamos que ía haber unha xeración como a vosa». Iso foi moi bonito. Non sei se o estamos facendo ben: ou se o estamos facendo mal, pero oxalá que isto sirva para que a Fonsagrada reviva dalgún xeito.

—«Nós medramos sabendo que aos 19 anos imos marchar de aquí», din os mozos noutro momento da película.

—Xa, a rapazada sabe que ao chegar aos 18 anos ten que marchar. E é algo que nos dá moita pena porque na Fonsagrada, cando estamos todos, realmente estamos moi ben.

—Os poucos que nacen agora dentro de 19 anos tamén terán que marchar?

—Ou antes... Se isto segue así, penso que marcharán antes.

—Como se pode reverter esa situación?

—Rodrigo Cuevas dicía que a xente do rural o que necesita é un recordo positivo e iso xérase a través da cultura. Precisamente por iso naceu a Foliada da Fonsagrada, para, partindo desa cultura e dese recordo, manter o orgullo na xente e as ganas de quedar aquí. E tamén para axudar un pouco a que resistan os comercios e os bares do pobo. E é por iso polo que a rapazada nova de agora, que está indo do instituto, entrou na organización da Foliada. Porque senten orgullo da Fonsagrada e orgullo desa festa. E por iso tamén na fin de semana da Foliada volvemos todos. Entón, se ao longo do ano houbera máis actividades, seguramente volverían máis… E se nos quitasen algunha curva, tamén.