«O coitelo artesanal ten un deseño único e dura de por vida»

Laura López LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

EDUARDO ARMADA

Este artesán participará do 12 ao 21 na feira gastronómica e de artesanía Pop Up Galicia en Madrid

09 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Celso Núñez Ferreiro leva quince anos traballando desde o seu obradoiro da Fonsagrada na recuperación e actualización da coitelería desta zona da montaña luguesa, unida tradicionalmente ao ferro. Alí elabora coitelos de forma artesanal para medio mundo.

As súas creacións, demandadas tanto para uso cotiá como para a hostalería profesional, foron escollidas por prestixiosos cociñeiros galegos, como Lucía Freitas (Restaurante A Tafona, Santiago), Pepe Solla (Casa Solla, Poio), Juan Crujeiras (Bido Restaurante, A Coruña), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña, Pontevedra), Héctor López (Restaurante España, Lugo) ou Roberto Filgueira (Restaurante O Balado, Boqueixón). Esa relación e diálogo entre artesanía e hostalería é fundamental na súa profesión, segundo confesa: «Para un artesán que fai coitelos coma min, saber as necesidades concretas dun cociñeiro profesional dá unha información moi valiosa».

Núñez Ferreiro é un dos artesáns galegos que, do 12 ao 21 deste mes, participará na terceira edición da feira de artesanía e gastronomía Pop Up Galicia, que se celebrará no Palacio de Santa Bárbara de Madrid, organizada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño da Xunta de Galicia. Haberá exposición e venda, obradoiros, catas, degustacións, terraza, showcookings...

-Que encontrará o público na feira?

-Amosareille ao público a miña coitelería, que é unha representación do que é a coitelería tradicional da Fonsagrada.

-Que diferenza á coitelería da Fonsagrada doutras?

-Os coitelos da Fonsagrada teñen formas e liñas sinxelas, elegantes, cadradas, sen punta, cun bo corte. A montaña lucense sempre foi zona de tradición en coitelería e reparación.

-Como empezou no oficio?

-Formeime da man do prestixioso ferreiro Vicente da Porteliña.

-Como se actualiza unha coitelería tradicional?

-Saen novas técnicas, novos materiais, e imos modernizando a coitelería. Antes todos eran coitelos calzados, con ferro e aceiro. Agora empregamos un aceiro inoxidable máis apto para a cociña profesional e para a mesa. É un aceiro sueco 14C28, de moita calidade, o mesmo que se usa para a cirurxía. Tamén emprego outros materiais, como o buxo. Intento facer pezas orixinais, pero que preserven o legado cultural da Fonsagrada, mantendo o deseño, pero actualizándoo e incorporando novos materiais.

-Que clientela ten?

-Teño clientes de todo o mundo: España, Reino Unido, Alemaña, Francia, Xapón... No estranxeiro vendo case todo en tendas, mentres que en España distribuímos nós. Traballo para clientes particulares, pero tamén fago moitas creacións para cociñeiros, galegos e de fóra.

-Encárganlle pezas especiais?

-O coitelo da Fonsagrada, de mesa e de punta recta, é o máis vendido. Pero hai un montón de tipos de coitelos: pataqueiro, mixto, de cociña, navallas... Tamén me encargan coitelos con formas e figuras determinadas, fago todo ese tipo de encargas.

-Ten futuro o oficio?

-Todo ten futuro, hai que crer nel, e confío en que o relevo xeracional vaia aparecendo. Hai mercado para a coitelería tradicional e está xurdindo moita xente que se está enganchando a estes oficios artesanais.

-Que diferenzas hai entre un coitelo artesanal e un industrial?

-O baleirado é diferente, e iso inflúe no bordo e, por tanto, no corte, así que a calidade é moito maior nun coitelo artesanal. Ademais, o coitelo artesanal ten un deseño único e dura de por vida, non facemos pezas de mercar e tirar.

«Intento facer pezas orixinais, pero que preserven o legado cultural da Fonsagrada»

«Hai mercado para a coitelería tradicional»