«Tereite como unha raíña» era tópico de namorados, en tempos non monárquicos. Xogos Florais e festas relevantes tiñan raíña e no meu pobo, como os xogos florais coincidían coas festas de San Ramón, Raíña e damas de honra coincidían, e ben orgullosas estaban as rapazas porque as seleccionaban en razón á fermosura e méritos persoais ou familiares.
Levo moitas máis presentacións festeiras con Raíña e damas de honra ca as que me quedan sen elas, e boto de menos aquel especial xineceo que nin agora se sentiría agredido no trato discriminatorio favorable, nin considerarían ser obxectos como hoxe hai quen cre coa firmeza que antes se cría na resurrección da carne. Recordo, por certo, que na transición a esta especial Lei Sálica houbo un Rei, un rapaz que non se vía mal agusto no medio das rapazas.
Por qué non se pode elixir Raíña á rapaza con mellor expediente académico para premiar o esforzo da mocidade feminina? Ou rapaz e rapaza máis destacados, para honrar a excelencia cultural da mocidade?
Abolir a monarquía porque si, cando se ve que dan mellor resultado algunhas monarquías ca certas repúblicas, parece querer desempeñar o papel do que nos títeres repartía garrotazos inmisericordes. Se non se queren raíñas, sempre se pode nomear Presidenta das festas, da república festeira, ou Festeira maior do reino.
Nas Fallas, por exemplo, na democracia, mantiveron a chorosa Fallera Maior alcaldes do PSOE, Compromís e PP, sen que as fallas se esborrallasen. Ao mellor non se enteraron de que están agraviando ás mulleres en xeral por vestir a unha con traxe do país. Que a nai do Señor ?muller ao fin? nos asista.