Quen chora por nós

LUGO

Lemos a noticia dun veciño dunha aldea de Palas de Reis que morreu sen que ningún parente, nin próximo nin afastado, o acompañase nese tránsito final nin se fixese cargo do sepelio. Foi o concello quen asumiu os custes e dísenos que quedaba na aldea unha veciña de 101 anos, que non había de estar para moita cerimonia, e que o can do falecido foi levado á canceira.

A noticia ten moitos fíos do que tirar, moitos aspectos que nos convidan á reflexión. A morte é a cousa intrinsecamente máis transcendente, a que máis claramente nos leva a pensar en cuestións como o sentido da vida ou a preguntármonos que perdura de nós tras esa pasaxe. Pero as circunstancias nas que se produciu esta lévannos a pensar de novo o baleirado que axexa ao rural, que acurrala persoas maiores en estados de soidade e abandono. Como non lembrar, ao ler esta noticia, esa chuvia de follas amarelas que —coma ferruxe ou coma esa cor sepia das vellas fotos— sepulta a aldea na noite en que o protagonista de La lluvia amarilla comprende que foi ficando só, cada vez máis só, despois de que marchasen tamén os últimos veciños que aínda sostiñan a súa vida?

E velaquí que quen chora por este home é un can que estará agora na canceira, sen comprender a ausencia do seu dono nin saber cal será o seu propio destino. Talvez tampouco haxa ninguén que saiba ler a súa dor e o desamparo no que quedou. Se alguén se pregunta por que aumenta o número de cans nos nosos fogares, que repare na nosa crecente soidade: a dos que fican en aldeas que se baleiran e a dos que viven en contornas urbanas nas que prima o illamento e escasean os vínculos humanos. Preguntábase Hemingway por quen dobraban as campás. Para comprender o noso tempo, quizais teñamos que preguntarnos quen chora, á fin, por nós. A resposta fala da nosa morte, pero quizais, e sobre todo, das nosas vidas.