De «riola» por Lugo

Xulio Xiz

LUGO

23 mar 2026 . Actualizado a las 19:04 h.

Lamas Carvajal sitúa entre os temas vitais deste país, na «Riola por Galicia», a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, e a Muralla romana de Lugo. Destes e outros temas faleilles ao medio cento de membros do Instituto de Estudos Bergantiñáns, que o sábado visitaron Lugo e me acolleron como guía para afondarse no Lugo do corazón e da vida.

Fomos primeiro ao Vello Cárcere, para facerlles sentir o que eu sinto naquel edificio creado para a represión e o peche, reconvertido en casa da Cultura e liberdade. Visitamos as estatuas de Pelúdez e Fole; estivemos diante da Casa do Concello, e arredor do Palco da Música e da piscina romana de Santa María. Preguntáronme pola Banda de Música, e diante da triste realidade faleilles de Xoán Montes e o seu triángulo vital conformado polo palco, o Círculo e a Catedral.

Visitamos os museos da Casa dos mosaicos, o Mitreo e a Porta Miñá, que conforman unha magnífica visión do pasado romano. E subimos á muralla camiñando un treito para apreciala libre de edificios por fora, con importantes carencias aínda pola Ronda interior. A tarde, dedicárona ao Museo Provincial.

A xornada, para eles gratificante, para min bálsamo vital que teño que repetir, aconsélloa para calquera habitante desta urbe bimilenaria que sinta agarimo polas pedras que pisamos, polo que aínda agochan (Roma segue estando debaixo), pola herdanza monumental que pode chegar a abafarnos, e pola certeza dun futuro brillante se seguimos incrementando os elementos que lembran e honran o noso pasado.