Alumnos de Pedrafita investigan os efectos dos incendios nos solos

LUGO

Laura Leiras

Comparan a actividade biolóxica nas áreas queimadas e nas indemnes dentro dun proxecto encadrado no porgrama de educación ambiental Voz Natura

14 mar 2026 . Actualizado a las 10:29 h.

Investigar os efectos dos incendios forestais na actividade biolóxica dos solos é o obxectivo dun proxecto que se desenvolve este curso no colexio público Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro dentro das actividades de educación ambiental do programa Voz Natura. O estudo é dirixido por Xoel Martínez, profesor de Física e Química e de Bioloxía no centro. O pasado xoves, un grupo de alumnos de ESO desprazouse a dous lugares diferentes a fin de recoller mostras de terra nunha zona que sufriu un incendio o pasado verán e noutra que permaneceu indemne.

Segundo explica Martínez, para recoller mostras de solos queimados escolleuse un lugar coñecido como O Comeal, no veciño concello de Cervantes, que o ano pasado viuse afectado por un importante incendio forestal cuxas pegadas aínda son ben patentes. Fíxose o mesmo na zona da Pintinidoira, no propio municipio de Pedrafita do Cebreiro, que se viu libre dos incendios. «En cada un destes lugares observamos a presenza de pequenos animais, como miñocas ou arañas, e agora compararemos a cantidade deles que hai nos diferentes sitios para ver en que medida puido afectar o lume á fauna», sinala.

Análises de laboratorio

Por outro lado, coas mostras de terra que foron recollidas polos estudantes nos dous lugares faranse análises de laboratorio para medir e comparar parámetros como o grao de alcalinidade, a presenza de nitratos, a fertilidade e a capacidade de absorción de auga.

Non é esta a única iniciativa que se desenvolve no colexio en relación cos lumes forestais. A profesora Antía Nogueira Blanco, que coordina as actividades de Voz Natura no centro, sinala que os alumnos de ESO tamén están levando a cabo un proxecto —dirixido polo profesor de Matemáticas— que consiste en deseñar un sistema de prevención de incendios mediante o uso de drons. Esta iniciativa foi presentada o pasado novembro no festival científico vigués CinVigo. «Por agora este proxecto limitouse á parte teórica, pero tamén está previsto construír un dron para levalo á práctica», apunta Nogueira. Aínda non se sabe se haberá tempo suficiente para facelo no que resta do curso escolar, pero de non ser posible, quedaría para o próximo ano lectivo.

Proxectos de estudo científico do medio natural nos que participan todos os cursos

Os alumnos e profesores do colexio de Pedrafita están desenvolvendo outros proxectos de investigación do medio natural durante o actual curso escolar. Antía Nogueira sinala que un deles, denominado «Insectos da contorno», corre a cargo dos alumnos de educación infantil. Consiste en elaborar maquetas dos insectos presentes neste territorio e dos ecosistemas en que viven.

Os alumnos de primaria, pola súa parte, desenvolven o proxecto «Fitofaladoiro», no que elaborarán un herbario representativo da flora local. «Investigan sobre estas plantas e as súas propiedades medicinais, pero tamén sobre os seus nomes tradicionais en galego, porque esta iniciativa está encadrada ademais na normalización lingüística», explica a docente.

Os estudantes de ESO, por outro lado, traballan tamén no proxecto «Ciencia das pallozas», no que estudan os materiais utilizados nestas construcións tradicionais —granito, lousa e palla de centeo—, os motivos polos que foron escollidos na arquitectura popular e a súa capacidade de resistencia.

Ciencia na Montaña

Entre os días 7 e 8 de maio, por outra parte, o colexio de Pedrafita do Cebreiro presentará estes proxectos na nova edición do congreso Ciencia da Montaña, no que participan diferentes centros educativos e este ano terá lugar en Cervantes. A divulgación destes traballos científicos non se limita ao ámbito escolar, xa que en xuño está previsto celebrar un encontro denominado «Merenda con ciencia», na que os rapaces explicarán os proxectos de investigación ás súas familias. Para o curso próximo, así mesmo, está previsto domotizar o colexio, instalando un sistema de medición das temperaturas para limitar o uso da calefacción e o consumo enerxético.

Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.