«Quen ocupa esta cadeira?» A reflexión do 8M de Palimoco no Museo Provincial de Lugo

la voz LUGO

LUGO

Máis de seiscentas persoas participaron nunha actividade que promoveu a Rede Museística

07 mar 2026 . Actualizado a las 19:40 h.

Con motivo do 8M, a Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial, presentou este sábado no Museo Provincial de Lugo a proposta «Cadeira da Muller», unha intervención artística de Palimoco Teatro Danza que convida a facer unha pregunta necesaria: «Quen ocupa os espazos? Quen aparece nos museos, na historia, na narrativa? Quen ocupa as cadeiras da memoria colectiva?». A través dun percorrido polo museo lucense, cada sala está «ocupada» por unha muller que deixou pegada na ciencia, na cultura, na arte ou na loita polos dereitos. Un mapa de referentes que nos invita a mirar o museo —e tamén a historia— con outros ollos.

Unha vez máis, a resposta do público foi masiva. Moitas persoas achegáronse ao Museo Provincial para descubrir a proposta e felicitar o traballo de todas as nenas e nenos, da xente nova e de todas as persoas que participaron neste proxecto colectivo, no que a arte e a educación camiñan da man.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, sinalou que «queremos tamén agradecer o gran traballo de Paloma Lugilde, que está a desenvolver un labor fundamental acompañando e guiando a todo este grupo de nenas, nenos e mozas e mozos, facendo posible que a arte se converta tamén nun espazo de aprendizaxe, reflexión e compromiso».

Porque esta iniciativa, sinala Lago, fala tamén de algo esencial: a educación en igualdade. «Traballar estes valores desde as crianzas é clave para construír unha sociedade máis xusta. Propostas artísticas continuadas como esta axudan a crear referentes, abrir preguntas e facer visibles historias que durante moito tempo quedaron fóra do relato. Porque o 8 de marzo é un día para reivindicar, pero a igualdade constrúese os 365 días do ano».

Mulleres recreadas

Atenea, Isadora Duncan, Aitana Bonmatí, Luz Casal, Marie Curie, Ana Frank, Tina Turner, Simone de Beauvoir, Elisa e Marcela, Enriqueta Otero, Irene González, Maruja Mallo, Jane Goodall ou Mafalda foron algunhas das mulleres e personaxes femininas recreadas nesta proposta escénica, dirixida por Paloma Lugilde, na que as persoas que visitaron o Museo tomaron parte activamente, sentando a conversar e escoitar un relato personalizado.

A representación resultou de novo un éxito rotundo en canto á asistencia, con preto de 600 persoas participando na actividade, incluída un ano máis dentro da programación da Rede Museística no mes de marzo.