Efecto bolboreta

LUGO

03 mar 2026 . Actualizado a las 18:02 h.

Desde hai xa décadas, conceptos como o efecto bolboreta, a teoría do caos ou a idea de fractal abandonaron o ámbito da especialización para se converteren en metáforas do que acontece no mundo. A coñecida teoría de que o bater das ás dunha bolboreta pode desencadear feitos imprevisibles a miles de quilómetros de distancia toma forza cando pensamos nas consecuencias que poden ter, en Lugo, sucesos afastados, como os destes días en Oriente Medio. Tememos a subida dos carburantes, a inflación, a crise económica, o rexeitamento racista contra certos colectivos e ata o conflito global

As declaracións dos mandatarios de Francia e Inglaterra fannos sentir na caluga ese sutil movemento de aire e lembran a indiscutible imbricación da política mundial. Ese arrepío que nos esgazou ao comezar a guerra en Ucraína volve agora e afacémonos a ser espectadores dun mundo convulso e sen normas, dominado pola estupefacción de quen dubida de en que momento o alcanzará a metralla.

Os que nacemos nos anos 70 medramos coa confianza nuns principios que rexían o mundo e prometían a estabilidade: os valores da democracia, o ensino e a a sanidade públicos e, en xeral, o estado do benestar e a defensa dos Dereitos Humanos. Hoxe asumimos resignados o tormento da incerteza. Boto de menos ao Carl Sagan que nos falaba dun punto azul pálido e soñaba cun encontro feliz entre civilizacións. Agora sabemos que a historia adoita escribirse como no Novo Mundo: imposición do forte sobre o débil.

Mais o efecto bolboreta tamén funciona ao revés: cada verba que normaliza o odio, cada silencio que consinte a inxustiza, cada medo que nos paraliza son, tamén, un movemento de ás. E ás veces a treboada non a provoca a bolboreta: provocámola nós. Porque cada decisión colectiva, cada palabra pública, inicia unha cadea de consecuencias. E esa responsabilidade xa non admite inocencia.