A compañía teatral Improdutivas, de Lugo, cumpre un ano: «A improvisación é o jazz do teatro»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Improdutivas ofrece espectáculos de improvisación teatral
Improdutivas ofrece espectáculos de improvisación teatral

Apostan polos innovadores espectáculos improvisados, que levarán por toda a provincia ao longo deste 2026

15 ene 2026 . Actualizado a las 12:13 h.

«A improvisación teatral encántanos. É divertida e ten moitos beneficios para o corpo e para a mente». Con estas palabras, unha auténtica carta de presentación, expón o novo proxecto de Improdutivas Paula Sánchez, presidenta da Asociación Cultural Improdutivas, que naceu hai un ano en Lugo. Os obxectivos desta innovadora iniciativa son varios: gozar coa improvisación, divulgar esta disciplina artística máis aló dos círculos culturais de Santiago e A Coruña, e fomentar a improvisación feminina e en galego. Compoñen o grupo unha decena de persoas, tanto do eido do teatro profesional como afeccionado, ademais do musical ou da danza. «A iniciativa partiu de Uxía e de min. Tiñamos ganas de facer impro e convencemos aos compañeiros do grupo de teatro musical no que estabamos», recorda Paula. E así comezaron.

O balance destes primeiros doce meses superou todas as súas expectativas, e por diante teñen agora un 2026 cargado de proxectos: cada mes ofrecen un espectáculo no Club Clavicémbalo de Lugo; participan no ciclo de Teatro Amador da Deputación, con actuacións por toda a provincia; e realizan obradoiros en colexios e outros locais sociais co obxectivo de dar a coñecer e fomentar o interese pola improvisación teatral.

Os espectáculos de Improdutivas son únicos; son feitos «sen guión e sen vergoña e con gorxeos arriscados». Os shows son moi espontáneos e parten de diferentes dinámicas de xogos: o público pode ser o encargado de elixir o tema da peza, ou o título, ou o escenario da acción...

E, a partir de aí, faise a maxia, de maneira colectiva: «É un traballo en equipo e un labor de escoita grupal tremendo. Hai xente que pode pensar que, ao ser improvisado, non temos traballo previo a nivel escénico. Pero é todo o contrario, non temos rede de seguridade, nin guión, nin atrezo, nin obxectos, temos que traballar moito o corpo e a mente, e lograr que o público imaxine o espazo e a contorna que estamos creando. É unha técnica baseada na aceptación, en aceptar a proposta do compañeiro e deixarte fluír. E iso aos adultos cústanos moitísimo, sempre levamos o ‘non’ por diante. E, para logralo, precisamos moita ximnasia cerebral e a nivel de corpo. Hai mímica, hai diálogo e tamén improvisación musical, con bases de cancións que saen de forma aleatoria e, a partir de aí, continuamos a escena, pero cantando», aclara Paula.

Axilidade mental e concentración

Pero a improvisación teatral vai más aló dun espectáculo divertido e orixinal ou dunha disciplina específica dentro do teatro. Trátase dunha auténtica ferramenta para mellorar a axilidade mental e corporal: «Cambia a túa forma de ver a vida. Aprendes a aceptar máis á xente e outras propostas diferentes ás túas, cambia a forma de afrontar os contratempos no teu día a día, tés menos bloqueos... É a mellor meditación que pode haber, unha técnica ideal para estar presentes no momento porque precisas un nivel de concentración en escena moi elevado», continúa a presidenta de Improdutivas.

As posibilidades escénicas destes espectáculos son, ademais, enormes porque se adaptan a calquera espazo e contexto: «Non necesitamos decoración, nin vestiario, nin ningún material técnico... e casa ben con todas as artes. De feito, xa colaboramos tamén co festival de danza de Cartografía en Movemento. Tamén casa ben coa música e, particularmente, co jazz, pensando nas sesión jam de improvisación dos músicos no escenario. As bases son as mesmas. A min gústame dicir que a improvisación é o jazz do teatro. Cada un vai aportando unha cousa, reaccionando ao do resto e, a partir de aí, de forma colectiva, créase algo bonito», engade Paula.

Próximas actuacións

O 2026 xa o estrearon e comezaron as actuacións no Club Clavicémbalo de Lugo. Este mércores, día 15, estarán no Clavi ás 22.00 horas. E este sábado, día 17, ademais, actuarán no Buril de Sarria ás 21.00 horas, con entrada libre. Por outro lado, no Clavicémbalo teñen pechadas as datas dos xoves 12 de febreiro, o 12 de marzo, o 16 de abril e o 14 de maio, e do mércores 17 de xuño, sempre ás 22.00 horas.