Paco Martín recibirá unha homenaxe en Lugo da Real Academia Galega

la voz LUGO / LA VOZ

LUGO

Paco Martín no despacho da súa casa de Lugo
Paco Martín no despacho da súa casa de Lugo ALBERTO LÓPEZ

Aproveita os 40 anos da edición da obra «Das cousas de Ramón Lamote» e que supuxo para as letras galegas o primeiro Premio Nacional de Literatura

06 oct 2025 . Actualizado a las 14:59 h.

A Real Academia Galega (RAG) réndelle unha homenaxe a Paco Martín en Lugo coindindo cos corenta anos da publicación de «Das cousas de Ramón Lamote». A cita será o mércores 15 de outubro, ás 17.30 horas, no Círculo das Artes, «nun acto dedicado ao escritor que simboliza o emerxer da vizosa literatura infantil e xuvenil galega, e que lle deu por primeira vez ao galego un Premio Nacional de Literatura», sinala nun comunicado a RAG.

O encontro, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, contará coa participación do propio Paco Martín, Isabel Soto, Lois Pérez, Alejandro Tobar e Branca Villares na parte musical

Lamote, Ramón Lamote Miñato, profesor particular de chairego e debuxante de soños por encarga, deulles ás letras galegas o seu primeiro Premio Nacional de Literatura «e simbolizou ademais o emerxer da vizosa literatura infantil e xuvenil en lingua galega».

«Con este acto, a RAG recoñece as achegas de Paco Martín á literatura infantil e xuvenil galega, as súas contribucións a situala como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor», salienta a directora da Sección de Literatura da Academia e coordinadora do encontro, a académica Marilar Aleixandre.

O programa do acto

O programa arrincará cunha conversa entre Paco Martín e a tradutora e crítica literaria Isabel Soto, cunha parte final que se abrirá ás preguntas do público. Deseguido o escritor Lois Pérez tomará a palabra cunha intervención titulada De cando o señor Lamote argallou un escritor chamado Paco Martín.

Haberá tamén tempo para afondar no Paco Martín lector, da man do tradutor Alejandro Tobar, que falará dos libros que o unen con el. A parte musical correrá a cargo de Branca Villares.

A RAG organiza a homenaxe a Paco Martín coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Círculo das Artes de Lugo. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Todas as intervencións poderán seguirse ademais en directo dende a páxina web da RAG, academia.gal.