A Xeración Lamote —que inclúe nomes coma Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo ou Fina Casalderrey— veu encher un oco. Martín lembra que había algúns títulos —As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, ou Os soños na gaiola, de Manuel María—, pero non un conxunto de obras pensadas para o público infantil e xuvenil.
A súa coñecida obra apareceu nun momento en que, lembra Martín, os escritores amosaban «unha certa tendencia a amosarse solemnes». «A literatura é o que é», opina el, convencido de que na lectura hai unha parte de pracer sen a cal non paga a pena. «O lector ten que gozar cos libros», di. Martín recoñece que foi un apaxionado lector, quizais coa mesma intensidade coa que agora rele libros coñecidos hai anos. Aos seus 81 anos, segue a escribir e prevé que dentro duns meses se publique a novela que vén de rematar. Entrementres, a gran familia de amigos de Ramón Lamote ten razóns para esperar máis incorporacións, pois o centro sociocultural que se abrirá no barrio lucense da Piringalla leva o seu nome. Admite que lle faría ilusión que alguén descubrise alí esa obra.