A Deputación presentou un plan para reducir a contaminación nos municipios do Eixo Atlántico

m. a. LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O texto inclúe 112 accións que van desde a redución do desperdicio alimentario ata o impulso da economía circular

10 jun 2025 . Actualizado a las 17:59 h.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, acompañaron onte martes no Pazo de San Marcos a Francesc Cárdenas, experto en sustentabilidade e autor dun informe que recolle 112 medidas para reducir a contaminación nos municipios que conforman a entidade transfronteiriza. Estratexia para a mitigación e adaptación ao cambio climático: metabolismo urbano e biodiversidade, unha folla de ruta con accións concretas para que os 40 membros da entidade sexan cidades máis sostibles e eficientes.

Tomé Roca sinalou que se trata «un dos retos máis urxentes e transcendentais do noso tempo: a loita contra o cambio climático e a transición cara un modelo de desenvolvemento máis sostible, máis xusto e máis eficiente. O plan de descarbonización dos municipios do Eixo Atlántico que se presenta hoxe aquí é un exemplo claro de cooperación, de planificación conxunta e de compromiso coa sustentabilidade desde o ámbito local».

Nese sentido, Cárdenas puxo como exemplo unha das medidas que levou a cabo a Deputación de Lugo, coa incorporación de 5 vehículos eléctricos á flota da institución. Explicou que o resto de entidades pode aprender de esa experiencia, vendo o aforro nas emisións e no custo económico, que acada os 22.000 € ao ano. Unha «experiencia acumulada» que pode axudar de xeito importante a conseguir os novos obxectivos.

Vázquez Mao sinalou, pola súa banda que con este estudo «o Eixo Atlántico reafirma os seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e o Pacto Verde», e que «nun momento no que o quecemento global ten superado os 1,5 grados é importante actuar desde o local».

O documento

O texto inclúe 112 accións, que van desde a redución do desperdicio alimentario ata o impulso da economía circular, a agricultura urbana, a recuperación de espazos verdes e a educación ambiental. Un traballo que forma parte dun proceso desenvolto entre 2022 e 2024. Tres anos nos que as cidades do Eixo Atlántico aportaron máis de 500 boas prácticas e experiencias que conforman un repositorio que permita reunir e poñer a disposición, de forma máis práctica e accesible, toda a información xerada durante estes tres anos de traballo, así como o contido elaborado en etapas anteriores.