A finais do pasado mes de decembro reabría o viaduto do Castro, na A-6, un tramo que serve de fronteira entre Galicia e Castela e León. O Goberno aseguraba daquela que a principal entrada e saída por autovía entre as dúas comunidades «recuperaba a súa normalidade», tras dous anos e medio de obras. A realidade é que, cando aínda non transcorreron catro meses desde a súa «inauguración», o Ministerio de Transportes anuncia novas obras de envergadura nese mesmo espazo que implicarán importantes restricións na circulación e que, ademais, poden prolongarse durante meses.
A obra de recuperación do viaduto do Castro foi un cúmulo de verdades a medias e malas decisións por parte do Ministerio de Transportes: primeiro negáronse á reconstrución simultánea e urxente dos dous viadutos, a pesar de que prometeron facelo así para acelerar a obra; despois, habilitaron un desvío provisional que obrigaba a cruzar o núcleo urbano de Pedrafita, o que xerou atascos, e que ademais non podía ser utilizado en condicións de seguridade polos vehículos pesados; e agora, dinnos que a obra non esta finalizada e que quedaban traballos pendentes como a impermeabilización do taboleiro, fresado do pavimento actual e o estendido de novas capas de aglomerado.
Unha infraestrutura estratéxica para a conexión de Galicia coa Meseta vese condicionada unha vez máis pola falta de xestión do Goberno de España, que ou ben nos mentía en decembro, cando deu por concluída a obra destes viadutos, ou minte agora, xustificándoa na imposibilidade de acometer estes traballos polas condicións climatolóxicas propias do inverno e, por tanto, recoñecendo que xa sabían que someterían aos usuarios da autovía a novas e prolongadas restricións.
O ministro Óscar Puente enganounos. Sánchez segue obsesionado con maltratar a galegos e lucenses. Outra vez o viaduto do Castro, unha infraestrutura viaria, convértese nunha mala noticia para Galicia.