Sen acordo na Deputación de Lugo para mellorar as cifras do uso do galego

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Grupo do PP na Deputación de Lugo
Grupo do PP na Deputación de Lugo LAURA LEIRAS

PSOE e BNG sacan adiante unha proposta con medidas para incrementar o emprego do idioma e coa abstención do grupo do PP

29 oct 2024 . Actualizado a las 17:24 h.

A proposta que presentou no pleno da Deputación de Lugo o goberno provincial e unha moción específica do grupo do PSOE nas que se reclaman medidas á Xunta «ante o fracaso da actual política lingüística» non tivo a unanimidade. Saíron adiante cos 13 votos de PSOE e BNG e coa abstención dos 12 deputados do PP. O debate amosou as distancias que existen entre a esquerda e a dereita con respecto ao idioma galego, na diagnose e nas solucións, aínda que tamén houbo pequenos avances a favor dun pacto pola lingua. 

A proposta do goberno provincial parte de que se avance na defensa do galego a partir duns puntos mínimos de acordo, como son a vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade no 2004, a elaboración por parte da Xunta, Estado e entidades locais, coa participación de entidades sociais, dun calendario de acción 2024-2027 para a aplicación e actualización de todas as medidas deste plan, cos recursos necesarios (humanos, técnicos, económicos...) para levalo a cabo, e que este calendario contemplará a avaliación dos resultados das medidas unha vez aplicadas e as correccións que foren precisas.

O goberno da Deputación de Lugo aprobou no pleno cinco acordos:

  1. Apoiar a convocatoria da Plataforma Queremos Galego para o vindeiro día 17 de novembro de 2024 en Santiago de Compostela.
  2. No ensino: Derrogación do decreto 79/2010. Aprobación dun novo decreto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas. Garantía inmediata de oferta de materiais didácticos en todas as etapas do ensino.
  3. Actividades comerciais e económicas: Asegurar o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente, en todo tipo de servizos.
  4. Cultura e lecer: Recuperar o papel normalizador da TVG, con ampla oferta para o público infantil e xuvenil adaptada a todos os dispositivos e potenciación da artes escénicas e musicais en galego e produción en galego; accións para que se cumpran os mínimos legais de presenza de galego na oferta radiofónica e audiovisual e se aumenten as cotas de dobraxe, lexendaxe, e financiamento anticipado de produción independente. Afortalar o sistema literario e editorial. Uso do galego en actividades deportivas, de tempo libre e extraescolares.
  5. Administración, servizos públicos, sanidade e xustiza: Oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública, for autonómica, estatal ou municipal e incluíndo servizos privatizados dependentes da administración pública. Disposición de galego en programas informáticos, información, formularios, impresos e na atención en todas as súas formas. Coñecemento de galego por todos/as os/as traballadores/as públicos/as.

Grupo do PSOE e do BNG na Deputación de Lugo
Grupo do PSOE e do BNG na Deputación de Lugo LAURA LEIRAS

E a proposta do PSOE de Lugo aprobada recolle:

  1. A convocatoria dun gran pacto pola lingua elaborado mediante o acordo con todas as forzas políticas do Parlamento e tendo en conta as opinións de filólogos, sociólogos, lingüistas, creadores de contidos e outros expertos independentes que axuden a reverter a actual situación de perda de falantes.
  2. En paralelo ó anterior, a elaboración dunha nova Lei de Normalización Lingüística que teña en conta as tendencias que marcan as cifras do IGE e que teña como obxectivo primordial o fomento do galego entre a mocidade.
  3. Medidas específicas de fomento da presencia de contidos de calidade en galego na televisión e nas distintas plataformas de redes sociais, cunha liña de axudas específica para os influencers que empreguen o galego nas súas redes.
  4. O fomento das dobraxes ó galego de series de éxito nas plataformas que ofrecen contidos televisivos, en liña ó que veñen facendo CCAA como Cataluña ou Euskadi.
  5. Garantir o uso do galego no eido escolar e facilitar ós profesores actividades de formación que lles permitan non só impartir a docencia en galego senón fomentar o uso do galego entre o alumnado alén das horas lectivas. 

Debate sen acordos

No debate, tanto a deputada socialista Pilar García Porto como a nacionalista Iria Castro afearon a falta de autocrítica da Xunta tralos resultados que amosou o IGE sobre o uso do galego, e que caulificaron de cifras preocupantes e que amosarían o fracaso das políticas lingüísticas do goberno galego. 

Pola súa parte, o popular José Demetrio Salgueiro, lamentou «a falta de ton conciliador» de PSOE e BNG, sinalzando que «o galego é de todos, non dun grupo político, e debe unir e debérmolo defender entre todos, igual que defendemos a liberdade a expresarse como queiran».

O deputado do PP lembrou que ante os datos do IGE, a Xunta ofreceu un pacto pola lingua: «E aí si que vemos que hai acordo e avances para o consenso, e non empregar o galego como arma política».

E expuso as cinco medidas que se propoñen desde as filas do PP de Galicia:

  1. Renovacion do Plan Xeral de Normalizacion Lingüística, e con aplicación de comisións de traballo, con xente de prestixio, e que en 15 meses ofrezan solucións para buscar un gran pacto social.
  2. Poñer en marcha 50 medidas para a aprendixaxe das persoas que naceron fóra de Galicia, e tamén para o uso go galego no ámbito dixital.
  3. Cremento do financiamento na Política Lingüística.
  4. Situar a CRTVG como catalizadora da lingua galega.
  5. Tomar as recomendacións da Carta das Linguas Minotirtarias como folla de ruta.