Nos libros de estudo dos anos sesenta, a conquista de España polos árabes, como outros moitos asuntos vitais, resumíase nun par de frases, falando de Don Rodrigo, de problemas dinásticos, conflitos entre a nobreza e complicidade hispana. Nada souben da raíña Egilona ata a lectura do libro de Manuel Romay Egilona, reina cristiana y sarracena,
que revive a historia da esposa do último rei godo e faina protagonista dunha ficción histórica que nos leva de xeito xenial a unha época apaixonante.
Romay fai gala de fondo coñecemento histórico e áxil narrativa en todas as súas obras, e móstrao de novo internándose no comezos do século VIII, coa agonía do reino godo e a expansión do Califato, que viña de conquistar o norte de África e atopou na península un paraíso coas portas francas. Usa o escritor artificio enxeñoso para presenciar os feitos, conversar coas persoas, testemuñar actitudes para conseguir unha perspectiva total superando as barreiras de espazos e tempos, e facer minucioso estudo da situación de Hispania e do Califato, onde se entrecruzan os intereses públicos cos persoais, as crenzas coas ansias de poder, as riquezas materiais coas miserias persoais. A historia de Egilona, muller en sociedade e tempos patriarcais, é un facho de luz sobre un tempo nunca ben coñecido, no que as personaxes —como nun teatro intemporal— reviven os seus papeis, soñan futuros imposibles, aman ou sofren, sometidos a poderes implacables. O libro de Romay é un anaco da gran historia de Hispania, esmiuzada con enxeño para que poidamos coñecer o acontecido como se ocorrera arredor de nós.