Hai uns días, a prensa fíxose eco da lectura dun Traballo de Fin de Grao centrado na visión da cidade na etapa da infancia. Tomando como epicentro a Praza Maior, recollía as opinións e as propostas de 13 nenos e nenas sobre esta praza pola que transitan decote e na que se ubica o seu colexio. Nas súas respostas, as bolas que hai diante do concello convertíanse nun espazo de xogos de equilibrio e os bancos deberían situarse en círculo para que a xente puidese falar.
O autor do traballo recoñecía, nunha entrevista publicada neste mesmo medio, a débeda con Tonucci e a súa obra A cidade dos nenos. Precisamente, hai só unhas semanas o pedagogo italiano foi investido Doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela e, na súa conferencia de investidura, insistiu na idea pola que tanto leva traballado: a humanización dos espazos urbanos, que teñen que deixar de estar pensados exclusivamente para os homes en idade produtiva e deben contemplar todos os usos e a todas as realidades. Ás veces semella que queremos recluír a nenos e nenas en xardíns de infancia e aos nosos anciáns en residencias; é dicir, nas marxes.
Tonucci evoca con saudade as tardes que pasou xogando na rúa. Eu mesma gardo lembranza dun Lugo no que os nenos (máis cás nenas) tomaban as rúas e xogaban ao balón. De cando en vez, pasaba un coche e paraban un intre para deixalo pasar e logo volvían tomar a rúa. Era un Lugo no que iamos á escola andando. Os tempos mudaron e tamén o fixeron os espazos. Mais, como nos lembra Tonucci (e agora Diego Gallego, para este espazo tan noso, o corazón da Praza Maior), cómpre devolvermos a cidade ás persoas e a rúa aos nenos. Cando iso pasa, di Tonucci, descende ata a taxa de delincuencia. E mellora a vida. Por iso precisamos máis atención respectuosa á ollada e á voz de crianzas e anciáns. Para aprendermos e reconfigurarmos a cidade.