Consecuencias

MARÍA L. SÁNDEZ

LUGO

11 jun 2024 . Actualizado a las 22:11 h.

O resultado das eleccións europeas está a ter consecuencias inmediatas. Algunhas delas, tan inmediatas como a decisión de Macron, na propia noite electoral, de disolver a Asamblea Nacional e convocar eleccións ou a non moito máis demorada de Yolanda Díaz de abandonar a dirección de Sumar. Noutros casos, os efectos serán máis diferidos, pero non por iso menos importantes.

Hai algo máis dun século, a Xeración Nós soñou, antes de que existise a Unión Europea, cunha Europa dos pobos, unha sorte de polifonía cultural máis amable coa diversidade das linguas e culturas ca os propios estados tradicionais, demasiado ancorados nunha noción estreita da identidade. Os galegos e galegas que viaxaron por Centroeuropa anticiparon a idea de Strength in Diversity que logo se convertería nun lema europeo, porque o certo é que Europa decidiu definirse sobre a noción de diversidade e aprobou, en 1992, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, que recollía ese compromiso coa súa riqueza lingüística e cultural e a asumía como patrimonio digno de coidado e protección.

Sempre é difícil imaxinarmos o futuro a medio e longo prazo; mais non cabe dúbida de que vivimos mergullados nun sentimento de creba e moitos temos a sensación de que o mundo está a cambiar de xeito acelerado e de que xiramos nun baile de cadeiras do que sairá unha nova orde xeopolítica. O papel de Europa dependerá, entre outras cousas, de se a nosa pluralidade de voces conflúe nunha polifonía harmónica ou se disolve nun balbordo cacofónico. Non ten sentido queixarnos do avance da estrema dereita e do euroescepticismo, cómpre intentarmos comprender que fai que un de cada tres franceses escollese esa opción, porque hai que comezar por confesar que o baile de cadeiras nos está a coller cos ollos vendados, como na pita cega, e corremos o risco de ficar en pé, batendo cos obxectos que nos saen ao camiño e sen comprender sequera o que está a pasar.