Foi premiado por unha obra sobre a figura de Xermánico no concurso convocado polo Concello de Brión e Edicións Positivas
27 mar 2023 . Actualizado a las 21:43 h.O escritor Vicente Piñeiro (Lugo, 1954) acaba de ser recoñecido co Premio Laudamuco de teatro, que convocaron na súa quinta edición o Concello de Brión e Edicións Positivas. A obra premiada ao autor lucense leva por título «Devólvenos ao Xermánico», baseada na figura de Xermánico, sobriño neto de Augusto e sobriño de Tiberio, que o adoptou como o seu sucesor.
Piñeiro é un recoñecido autor en Galicia de novela e teatro baseado en acontecementos e personaxes históricos, de diferentes épocas, aínda que xa ten varios libros sobre o pasado romano. A súa faceta literaria tamén conta con volumes de poesía, contos e ensaio. No ano 2003 gañara o Concurso de Poesía das Letras de Vilalba, pola obra «Señor, as túas pupilas son moi azuis».
En lembranza de Roberto Vidal Bolaño
O Premio Laudamuco que acaba de gañar Vicente Piñeiro pretende incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega, contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura. O lucense Vicente Piñeiro recibirá o premio o día 16 de maio, coincidindo co corenta e catro aniversario da posta en escena da obra «Laudamuco, señor de ningures».
A obra gañadora de Piñeiro suporá un premio de 7.000 euros e a edición a cargo de Positivas. Piñeiro segue de actualidade xa que prepara para o 4 de maio unha conferencia no Círculo das Artes sobre un dos seus libros, o dedicado ás irmáns Touza. Unha das súas novelas máis coñecidas é «Lola Touza, la Schindler Gallega», editada por Toxos Soutos.