Exemplos de agresións á Muralla de Lugo

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO

O edificio polémico da esquina de San Roque, de sete alturas, e ao fondo outro solar con polémica e a súa afección ao Camiño Primitivo
O edificio polémico da esquina de San Roque, de sete alturas, e ao fondo outro solar con polémica e a súa afección ao Camiño Primitivo OSCAR CELA

Aconteceu co Camino Primitivo diante da Porta de San Pedro e no futuro, podería ocurrir no barrio do Carme

21 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os días 11 e 12 de marzo do ano 2010 celebrouse en Santiago a xuntanza do Consejo del Patrimonio Histórico, onde se viu a necesidade de revisar os plans existentes e a creación doutros novos. Organizáronse comisións na que participaron técnicos da Administración Xeral do Estado, das Comunidades Autónomas e expertos independentes para redactar os plans para presentar ao dito Consello. Chama a atención que tendo Galicia castelos, fortalezas, fortíns, restos dalgunha muralla medieval e unha muralla romana, non consta que participara alguén da Xunta na redacción do dito plan. 

A degradación da contorna da Porta de San Pedro

Cando xa estaba declarado o Conxunto Histórico Artístico fíxose un edificio fronte á Porta de San Pedro con baixo, entrechán e cinco plantas, e dicir, un total de sete, dúas sen autorización, que en boa lóxica habería que derrubar, pero Bellas Artes de Madrid acabou legalizándoo co argumento de que estaba destinado á hostalaría e era beneficioso para o turismo. Xa dixen que con estas actuacións, non é o mellor exemplo o que dan os tribunais e outras administracións, premiando aos que non compren as normas.

Como na paisaxe urbana sempre desafinou ese agravio á muralla, agora vaise repetir o erro co que se tenta facer no solar que está do outro lado fronte á Porta de San Pedro, polo que se sabe coas bendicións locais, autonómicas e supoño que do público en xeral, outro exemplo advertido e denunciado por diversos colectivos do que non se debería facer.

A aceptación do público é comprensible porque non ten porque coñecer as normas e as recomendacións que imos referir, e si me apuran, ata é desculpable a ignorancia nesta cuestión dos políticos que teñen que estar asesorados polos técnicos que son os que fan os informes, pero a destes últimos ten pouca xustificación.

Para ver a aberración que se vai facer, como recurso pedagóxico vou a utilizar o que di o Plan Nacional de Arquitectura Defensiva do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, redactado e aprobado no ano 2012, que se encadra dentro do marco dos Planes Nacionales del Patrimonio Histórico Español, de información, conservación e restauración de conxuntos patrimoniais, para comprobar que o volume autorizado nese lugar é todo o contrario do que se recomenda para os BIC que se atopen en ámbitos urbanos, figurando as parcelas que limitan directamente coa que ocupa o ben, neste caso a Muralla e o Camiño Primitivo, e nas que calquera intervención que se realice poda afectalo visual ou fisicamente.

O paisaxístico é un dos valores que ten en conta o plan, e di que sendo interpretativo este valor, a súa fraxilidade radica na dependencia parcial de elementos vivos. Por tal motivo os valores que afectan ao territorio e á paisaxe que rodea aos bens culturais de arquitectura defensiva deben ser obxecto de salvagarda e, no seu caso, de recuperación dos seus elementos conformadores. No caso que nos ocupa estase actuando en dous bens que son nada menos que Patrimonio da Humanidade. Así que as autoridades competentes deberían ser conscientes de que se está xogando coa perda desta categoría.

 O que recomenda o plan

Para a mellor protección destes bens culturais, o que di o citado plan en relación coa área de recintos amurallados urbanos, denominados Conxuntos Históricos, que é o caso de Lugo, é que os instrumentos de planeamento terán una carácter eminentemente conservador no que se refire á consistencia física destes elementos elaborando os correspondentes catálogos razoados, o que non se tivo en conta nin no PEPRI nin no PXOM.

Di que hai que partir do dato edificado e non dos dereitos do solo, indicando que se deben abordar varias cuestións, entre as que están estas dúas aplicables ao caso:

«Estudo, análise e cualificación da morfoloxía da edificación adxacente e próxima á muralla ou cerca ponderando as roldas e os elementos situados intramuros e extramuros, así como os espazos configurados historicamente nos puntos de acceso».

«O planeamento non aumentará en ningún caso o volume histórico consolidado mediante ningún instrumento urbanístico. A reposición da edificación ruinosa que estea catalogada deberá restaurar o volume histórico consolidado, salvo que a edificación estea catalogada como agresiva para o conxunto do Ben Cultural. A edificación substitutoria terá, no seu caso, sempre un volume inferior ao do elemento orixinal que debería conservarse, de maneira que podan evitarse os procesos de ruína provocados».

Segundo estas recomendacións como estamos nun caso de ruína provocada, o volume da edificación tería que ser inferior ao que había e polo mesmo deberíanse comprender as razóns dos que protestan e entender porque cualifican o que se vai facer como un segundo Garañón. O conxunto de casas que había non se catalogaron e facilitouse o proceso de ruína para facelas desaparecer.

Tamén se obviou que a Lei de Patrimonio de 1985 impide alterar o ancho das vías históricas, neste caso o Camiño Primitivo que é unha vía medieval, cousa da que eu advertín no seu día nun escrito ao Concello. Por tanto xa non se pode alegar ignorancia e un dos principios xerais do Dereito «a ignorancia da Lei non exime do seu cumprimento». Desgraciadamente este non vai ser o derradeiro caso, hai outro semellante agardando a culminación do mesmo proceso na contorna da capela do Carme.

Como final dicir que quedarían sorprendidos da lista que se pode facer de edificios do século XVIII, da segunda metade do século XIX e principios do XX que eran dignos de ser conservados e que desapareceron no espazo afectado pola declaración do Conxunto Histórico Artístico desde 1973, o que evidencia que as cousas non se fixeron ben e que prevaleceu, e prevalece, os interese dunha minoría sobre o xeral.

Chama a atención que teñan que ser as asociacións as que acudan aos tribunais para defender o interese público, e que as administracións que teñen a obriga de facelo por lei e competencia, se convertan en colaboradoras de agresións moi graves a un patrimonio histórico, artístico e cultural que é de todos, do pasado, do presente e do futuro.