A de Valença

Xulio Xiz

LUGO

09 ene 2023 . Actualizado a las 22:04 h.

Nunha Semana Santa de mediados dos setenta pisei, por primeira vez, chan extranxeiro. Chegar en Seiscentos a Portugal por difíciles estradas era unha heroicidade. E logo a aduana, Carta Verde, pasar a fronteira, cruzar a gran ponte de ferro, pasar a alfándega… e entrar en Portugal, tan lonxe e tan de preto; tan diferente e tan igual.

Era extraño entrar na rexión de Miño, en «Valença do Miño», que habería que traducir como prestancia, orgullo, valor do Miño, o noso río e o deles. Chegar a aquela cidade amurallada, sorprendeume: o abandono do monumento, campesiños descalzos pola estrada, milleiros de motos, escasos e poderosos coches conducidos a toda velocidade. Se aquí avanzamos, tamén a Portugal lle sentou ben a liberdade, desapareceron descalzos e motos e democratizáronse os coches. E restauraron a muralla na medida en que o turismo e o comercio invadiron Portugal.

Para moitos de nós, saber que se derrubou parte da muralla de Valença foi un duro golpe. Porque Valença é unha prolongación de Lugo, e a choiva que mancou a súa muralla derrubou parte da nosa memoria monumental. Parecíanos invencible aquela muralla, e de repente dámonos conta que é «humana» coma a nosa, e as desaforadas choivas que por fin encheron os embalses removeron os cementos dun pobo co que tanto nos identificamos.

Pero a desgraza non retraeu aos visitantes desa terra, e os devotos da cidade irmá de máis aló do Miño sabemos que a vida segue, a muralla curará as feridas e volveremos alí pois sempre será verdade o que cantou Siniestro: «Menos mal que nos queda Portugal».