O Festiclown ofrecerá espectáculos ata o día 30
21 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o 30 • Palestina •
O lucense Iván Prado volve a Palestina con Pallasos en Rebeldía para levar alegría a unha zona que leva máis de 70 anos baixo ocupación. O Festiclown viaxará a cidades de Cisxordania, Gaza e a Xerusalén coas mellores compañías de circo nacionais e internacionais para sementar risas entre nenos e adultos que viven a diario as consecuencias da ocupación israelí. Prado, fundador de Pallasos en Rebeldía, salienta a importancia do festival: «Volvemos a Palestina porque despois dos bombardeos que sufriu a Franxa de Gaza en agosto é fundamental que a poboación local vexa que Pallasos en Rebelía continúa acompañando a súa loita pola liberdade e que non están sós».
O Festiclown —festival de circo e risas que percorre as zonas máis desamparadas do planeta— naceu no 2011 e non deixou de levar ilusión por países como Palestina e Brasil. Naceu da man de Pallasos en Rebeldía, que creou a primeira escola de circo do mundo nun campo de persoas refuxiadas, en Aida Camp (Belén), un lugar rodeado polo muro divisorio construído por Israel e que sofre frecuentes ataques do exército sionista. «Volvemos a Aida para seguir alimentando a nosa escola de circo», di Prado.
Durante a viaxe participarán artistas coma Kanbahiota, Tchyminigagua, Daniel Blanco, os rapeiros Il Pekeño&Ergo Pro, e as ilustradoras Julieta XLF, Iris Serrano e Irene Bofill. Tamén participarán escolas de circo locais, coma a Rebel Circus School do campo de refuxiados de Aida: «O sentido da escola é dar información circense para que as crianzas e a rapazada teñan ferramentas físicas, psicolóxicas e artísticas para sobrevivir á ocupación».