Joaquín Arias Sanjurjo e a primeira proposta oficial de creación do Museo Provincial de Lugo hai 110 anos

Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo

LUGO

Arias Sanjurjo (á esquerda de Valle Inclán) en Ourense en 1920
Arias Sanjurjo (á esquerda de Valle Inclán) en Ourense en 1920 Arquivo particular

26 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As primeiras xestións para a creación do Museo Provincial de Lugo realizáronse a través da Comisión Provincial de Monumentos Histórico-Artísticos de Lugo posto que os seus integrantes, xa desde 1846 e logo na década dos setenta do século XIX, teimaron pola constitución dun museo provincial. Estas inquedanzas museísticas callaron na formación de coleccións a principios do s. XX como as do Museo Arqueolóxico lucense no Seminario de Lugo, futuro Museo diocesano e catedralicio de Lugo (1918), ou a do Instituto Provincial de Lugo, precedentes do futuro museo provincial.

Tamén a Deputación de Lugo acordara en 1867 conservar os “obxectos que quedaron da Exposición Rexional” celebrada na cidade, para o futuro museo, polo que a idea seguía presente e a inclusión de obxectos artísticos, etnográficos e arqueolóxicos nas Exposicións Rexionais (Lugo, 1877 e 1896) foron tamén un xerme que debemos ter en conta.

Non obstante, a proposta oficial inicial para a xestación do museo provincial débese nomeadamente ao deputado Joaquín Arias Sanjurjo, que o cinco de novembro de 1912 a inclúe na sesión plenaria da corporación provincial de Lugo para tomala en consideración e pasala á Comisión de Fomento “interesando a creación dun Museo provincial no que se conserven os obxectos de valor histórico, artístico e arqueolóxico e os que sirvan para formar idea da nosa riqueza mineira, agrícola e industrial”. Na mesma acta aparece outra proposición súa para a reorganización da Casa de Maternidade de Lugo.

Daquela, no contexto político local na España da Restauración (primeiro goberno do conde de Romanones) estaba de presidente executivo da Deputación Benito Pardo Rodríguez, pero foi Arias quen deixou en acta a base para que prosperase a idea do museo constando e visibilizando a necesidade da súa xénese real como así se materializaría a través da Deputación, pero vinte anos máis tarde.

Joaquín Arias Sanjurjo (Santiago de Compostela, 1860-1946) estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e despois, en Madrid, foi discípulo de Giner de los Ríos. Non se interesou por deter o título de Marqués de Casa Pardiñas, ó que tiña dereito, tendo máis ben certa simpatía pola anarquía teórica, o agnosticismo e a bohemia, relacionándose desde moi novo coa elite intelectual galega de espírito incorformista. Foi un persoeiro singular que se vencellou profesional e politicamente á provincia de Lugo aínda que non nacera nela. Aquí compaxinou a avogacía, gratuíta para as persoas sen recursos, co xornalismo, establecéndose en Ferreira de Pantón, primeiro no pazo familiar de Maside e despois en Monforte. En 1903 foi elexido presidente do Comité Republicano de Monforte de Lemos, comarca onde se implicou activamente, tanto na loita agrarista coma na política, para combater o caciquismo e o centralismo.

Arias Sanjurjo
Arias Sanjurjo Biblioteca. Instituto de Estudios gallegos Padre Sarmiento

En 1909 presentouse con Juan Golpe e Santiago Casares Quiroga como candidato nas eleccións da Deputación de Lugo sendo elexido e foi elexido e nomeado deputado polo distrito Monforte-Quiroga. Curiosamente, en 1918, rematada esta etapa política, escribiu un Manifesto en contra das deputacións provinciais poñendo como exemplo a de Lugo, que ben coñecía.

A súa etapa lucense rematou nos anos vinte do século pasado cando se trasladou a Santiago de Compostela, onde continuou a actividade xornalística e sociopolítica. De feito, xa en 1928 aparece nunha fotografía oficial xunto co resto dos membros do Seminario de Estudos Galegos, entidade coa que colaborou filantropicamente iniciando coa súa doazón bibliófila (1923) a biblioteca, que agora está no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e compaxinando ese mecenado co apoio a outras entidades culturais ou asociacións. Na década dos anos trinta foi concelleiro e tenente de alcalde da cidade compostelá harmonizando os cargos políticos coa escrita.

Na imaxe aparece con Ramón del Vallé-Inclán con quen o unía amizade e co que fixo viaxes culturais a Ourense e á Coruña en outubro de 1935, onde se reuniron con outros intelectuais galegos. Acompáñao tamén o doutor Fernando Alsina González, consogro do escritor.

Republicano de firme convición, a súa orixe fidalga non impediu o seu compromiso coa renovación da agricultura, coa modernización das estruturas socioeconómicas e co patrimonio cultural. A través dos seus incisivos e críticos textos e dos estudos publicados, obsérvase un persoeiro inquedo, culto, activo e comprometido tamén coa cultura e a historia de Galicia. A este respecto, como exemplos anecdóticos, aparece relacionado no Inventario dos legajos das Comisións Provinciais do Arquivo da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, na documentación referida á Comisión lucense, como descritor e en 1913 publicou un documentado artigo sobre a polémica relativa á propiedade e venda do cadro da “Adoración dos reis Magos” de Van der Goes, clamando para que quedase en Monforte.

Polo tanto, cómpre recoñecer a súa valía e importancia na historiografía do Museo Provincial de Lugo e, mesmamente, na de Lugo.