«A vangarda das formas» de Isaac Díaz Pardo, un libro para a historia

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Isaac Díaz Pardo pintando una de sus obras cerámicas en Sargadelos
Isaac Díaz Pardo pintando una de sus obras cerámicas en Sargadelos CEDIDA

Vicepresidencia da Deputación de Lugo edita e promociona un volume que recolle a cerámica do intelectual galego

18 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo comezou no ano 2004, con Isaac Díaz Pardo aínda en vida (falecía no 2012). Ao abeiro da Asociación de Amigos de Sargadelos os investigadores lucenses Fernando Arribas e Teresa Pena comezaban unha labor que case unha década despois viu os seus froitos nunha exposición histórica que tivo orixe no Museo Provincial de Lugo, e que case dúas décadas despois remata cun catálogo que promoveu Vicepresidencia da Deputación de Lugo e tamén pasará á historia da edición en Galicia.

A figura de Díaz Pardo abordouse desde moitos eidos de análise xa que foi un intelectual multifacético. Pero recompilar, expoñer e recoller a súa tarefa máis emblemática, aquela pola que a nivel material deixou máis pegada, a de ceramista, nunca antes se fixera. Sinalan os autores do volume «A vangarda das formas» que poder contar coa colaboración do propio Díaz Pardo foi decisivo para catalogar as máis de 2.000 pezas que se conservan nos almacéns do Seminario de Sargadelos. Sinalan Pena e Arribas que Díaz Pardo non era amigo de homenaxes, «non tiña moi claro iso de ser obxecto dunha exposición, a súa humildade era tal que, segundo el, non fixera nada».

Así, entre as pescudas, as entrevistas co artista e o apoio dos seus colaboradores e fillos, os investigadores lucenses puideron poñer en pé o proxecto que a Deputación de Lugo acolleu no 2013 con entusiasmo: o de expoñer por primeira vez a obra cerámica máis destacada (unhas 400 pezas) e diversificada por etapas do intelectual galego. Aquela mostra viaxou logo no 2014 ao Museo do Pobo Galego e á sede de Afundación na Coruña.

Pero o seguinte chanzo estaba pendente. Tratábase de poñer en papel todo o traballo de investigación e de recoller nun volume toda esa obra cerámica que se xuntara por primeira vez. Así, desde Vicepresidencia da Deputación, que dirixe Maite Ferreiro, apostouse por crear un libro de referencia ao mesmo nivel que supuxo no seu momento a exposición. A intención era telo listo para o 2020, no centenario do nacemento do artista pero a pandemia o impediu. Desde hai uns meses xa está listo e desde a área de Cultura da Deputación se lle quixo dar todo o realce que merecía.

Presentacións oficiais

Deste xeito, o volume xa se presentou no pazo de San Marcos, no Museo do Mar de San Cibrao, no Museo do Pobo Galego e na sede da Real Academia Galega de Belas Artes. Nesta última participaron os autores do catálogo, o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo; o académico e fillo de Díaz Castro, Xosé; e a vicepresidenta da Deputación. No acto, Maite Ferreiro apuntou precisamente a relevancia deste catálogo e o papel que teñen que desempeñar as Administracións no legado cultural de Galicia: «Cremos que as institucións públicas debemos comprometernos co coidado e a difusión do legado artístico, cultural e social de Isaac Díaz Pardo e entendemos que a publicación deste catálogo, aínda que sexa modestamente, nos sitúa nese camiño».

Presentación do catálogo na se da Real Academia Galega de Belas Artes, na Coruña
Presentación do catálogo na se da Real Academia Galega de Belas Artes, na Coruña

E ise camiño aínda non se pechou. Vicepresidencia levará o catálogo (do que se editaron mil exemplares con reproducións das obras con gran calidade de cor) ás feiras do libro que se celebren na provincia, xa que o Servizo de Publicacións sempre acude cun posto a promocionar os seus volumes. Haberá presentacións por parte dos autores do libro. A primeira será na feira de Ribadeo, do 14 ao 17 de maio. Logo, irán a todas as que organiza a Federación de Libreiros de Galicia na provincia coa colaboración dos concellos (Lugo, Foz, Viveiro, Monforte e Vilalba).

As librarías que solicitaron exemplares para por á venda son: En Lugo; Aguirre, Biblos, Galería Sargadelos, Trama, La Voz de la Verdad e Lectocosmos. En Viveiro, Libraría Lendas; en Foz, Bahía; en Vilalba, Sargadelos; en Burela, Nobel; na Coruña, Arenas; en Compostela, Follas Novas; e en Zaragoza, Pórtico Librerías.

Como sinalan Teresa Pena e Fernando Arribas quedaría un último episodio deste proxecto iniciado no 2004, e que o tempo dirá se se levará cabo: «Sería de desexar que esta exposición fora o xerme dunha futura musealización da cerámica de Isaac Díaz Pardo. Unha exposición permanente que constitúa un punto de referencia de todo o proceso produtivo e na que terían cabida todos aqueles elementos que as fixeron posibles». Polo momento, iso xa se pode gozar co catálogo que agora se presenta.