Maruja Mallo, sen chapeu

María L. Sández

LUGO

05 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 120 anos, un 5 de xaneiro de 1902, naceu Maruxa Mallo. Unha placa lémbrao na súa vila natal de Viveiro. A importancia e a vixencia desta figura clave da pintura surrealista é indiscutible e reivindicouse no documental Las sinsombrero, que, no 2015, sacou TVE. A propia Maruxa Mallo daba conta da anécdota que deu lugar a esta denominación: estando ela con Margarita Manso, Salvador Dalí e Federico García Lorca na Puerta del Sol, decidiron sacar o chapeu como expresión e xesto de rebeldía, o que deu lugar a reaccións airadas.

Que un xesto tan pequeno estea dotado de tan alto significado; que poida provocar, facer que haxa xente que se sinta ameazada (ameazados os seus principios, os seus modos de vida, os seus privilexios) é profundamente revelador. A ideoloxía está en todo, mesmo en algo tan aparentemente nimio como o xeito en que vestimos. Así que quitar o chapeu cando a norma é levalo remata sendo unha proclama.

Que fermosa casualidade que tamén un 5 de xaneiro, 30 anos despois ca Maruxa Mallo, nacese Umberto Eco, un lúcido semiótico que nos axudou a comprender como funcionan os signos, o funcionamento da cultura, e que explicou por que quitar un sombreiro pode estar ateigado de significado. Hoxe coñecemos o triste final que tivo a vitalidade daquela xeración que quixo trastocalo todo, purificar o mundo, liberar as mentes e as ideas. A cabeza descuberta, leda e marabillosa de Lorca aínda permanece agochada nalgunha fochanca, e volveron cubrirlla con algo máis pesado ca un sombreiro. Mais aquel xesto segue vivo e unha galega valente estivo alí e contóunolo con ousadía e un inevitable aspecto estrafalario que segue a ser unha proclama. Coma nas dúas Marías; como en tantas mulleres que procuraron signos cos que seguiren sendo ceibes.