O ano 1816 pasou á historia como “o ano sen verán”. A historia da climatoloxía é fascinante, pois o que somos e como vivimos está en grande medida determinado polo clima e os seus cambios. Pero malia o interese crecente nesta disciplina, que a anomalía climática do ano 1816 teña fama universal débese en grande medida á coñecida anécdota literaria da circunstancia que deu orixe a Frankenstein. Estando Mary Shelley e o poeta Shelley pasando aquel verán nunha casa en Suíza convidados polo seu amigo e poeta Lord Byron, o mal tempo obrigounos case a se confinar na casa e propiciou que desen en ler contos de Hoffmann. Nese ambiente de lecturas compartidas, Lord Byron lanzou aos seus convidados un reto literario para ver quen escribía a mellor historia de medo, resultando que mesmo o seu médico, Polidoro, escribiu un relato de vampiros. Pero a obra inmortal que xurdiu de todo aquilo foi Frankenstein, unha novela asombrosa pola súa forza emocional, a súa riqueza en referencias e a súa profundidade filosófica que sorprende aínda máis ao sabermos que naquela altura a autora tiña 19 anos.
A causa daquel verán anómalo foi a erupción do volcán Tambora en Indonesia, que provocou un tempo de invernía en pleno verán, derramando as colleitas e provocando fame e carestía. Estímase en máis de 70.000 as persoas que pereceron como consecuencia daquela erupción.
Aquí estamos, 205 anos máis tarde, sen unha causa tan precisa para o tempo estraño que estamos a vivir, pero co temor de que a explicación sexa máis profunda e permanente, capaz de poñernos en xaque. Frankenstein ábrese cun explorador, Walton, disposto a perecer por unha obsesión: chegar ao polo Norte. A historia que Víctor lle conta disuádeo e no final da novela retrocede, salvando así a súa vida e a dos seus homes. Tamén neste fío da trama da novela semella conterse unha mensaxe, de 1816, a hoxe.