Máis de 1000

LUGO

19 ene 2021 . Actualizado a las 16:15 h.

Imaxinan que cada día lles tocase a lotería a máis de mil galegos? E que, deses mil, a dez lles correspondese o premio gordo, un de verdade, deses tan zumarentos que case custa imaxinar? Comezariamos todos a mercar coma tolos os nosos billetes, esperanzados e cheos de ilusión. Pois agora as cifras indican que cada día están a infectarse da Covid-19 máis de 1000 galegos e a estatística permite anticiparmos que deses 1000 polo menos dez non o contarán e morrerán polo efecto da doenza.

É sabido que unha das funcións do humor é a de relaxar as tensións e as angustias (de aí esa tradición de dubidoso gusto de contar chistes nos velorios). A min, estes días, deume por lembrar aquel no que un home reza a Deus decote para que lle toque a lotería, e Deus escoita paciente e silencioso a súa súplica ata que un día, perdida a paciencia, lle di: “pero, home, merca o boleto”.

É curioso, mais moitas actuacións das que estamos a vivir estas semanas son perfectamente homologables ás do home do chiste, só que á inversa: non queremos que nos toque, pero mercamos unha manchea de boletos. Eu, para cuestións evitables, non entro en lugares interiores onde haxa xente, pois cada vez semella máis claro que ese é o factor esencial. Mais o outro día, tomando un café nunha terraza exterior a tres graos baixo cero, ben envolta no plumas e a bufanda e deixando asomar o nariz da máscara só para inxerir o confortante líquido quente, ollaba para dentro a través do vidro da xanela e vía individuos que non só baixaban a máscara para beberen ou comeren, senón que a deixaban baixada mentres seguían falando. E outros arredor tan tranquilos...

Coñecín, hai tempo, un home que tiña unha visión moi choqueira da lotería. Estaba convencido de que nunca ía tocar, de que todo era mentira, de que o que ensinaban pola tele tiña o mesmo grao de realidade ca as películas de vaqueiros e, malia todo, todas as semanas mercaba o seu billete. Non hai remedio. Somos así. Nin que o virus o soubese!