Pastora Veres: «Queda documentada no libro a historia dos Vilares, un legado moi bonito»

Félix Jorquera / L.L. LUGO

LUGO

A autora chairega presenta o sábado en Guitiriz «Lareira de Soños»

11 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pastora Veres presenta o sábado 12 en Guitiriz o seu libro Lareira de Soños (Edicións Fervenza), en dous pases, ás 18.00 e ás 19.30 horas, na Casa Habanera. A autora chairega, afincada en Betanzos, falou o xoves no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.

-Como nacía a idea de escribir «Lareira de Soños»?

-É un traballo que se vai chocando ao longo da vida. Pero hai dous feitos que marcan esta ruta: un foi no ano 91, cando veu Manuel María á inauguración dunha exposición de fotografías antigas que organizabamos pola primeira Romaría Labrega da Chaira, e el comentábame que era unha pena que as fotos non tiveran uns textos, porque a historia desas xentes ben daban para un libro. E iso animoume. E no 2014, cando se lle dedican as Letras Galegas ao noso poeta, ao poeta dos Vilares, a Xosé María Díaz Castro, aí xa tiña o libro na cabeza. E empecei.

-Como está estruturado?

-En catro partes. Unha sería a contextualización xeográfica e histórica do lugar dos Vilares. Outra parte serían as miñas vivencias persoais, e outra dedicada ás vidas das numerosas veciñas e veciños. E unha última parte, sobre os vilaregos de hoxe, esa xente máis nova, que son os continuadores da historia. Vaise facer unha lectura moi amena, porque ademais hai moita foto aportada pola veciñanza. Tamén hai un deuvedé cun documental. O título é moi onírico e aberto ás sensacións que lle poden provocar a cada persoa. E un libro coral, multitemático centrado na intrahistoria dun lugar da Chaira. Ten un enfoque moi dinámico, xornalístico e social.

-Como unha pequena enciclopedia da historia da parroquia.

-Si, queda documentada no libro a historia da parroquia, xa que recorremos tamén aos arquivos, e queda documentado o recordo das vidas das persoas, un legado moi bonito. É un fermoso agasallo de Nadal, adecuado para esta vida retirada que nos toca facer este ano.