Chega Equigal a Lugo con actividades durante tres fins de semana

la voz LUGO

LUGO

Presentación de Equigal en Lugo
Presentación de Equigal en Lugo CEDIDA

O público non poderá acceder ao Pazo de Feiras pero poderá ver as probas a través de YouTube

25 sep 2020 . Actualizado a las 11:58 h.

Equigal non vai a faltar á súa cita anual e este mediodía foi presentada unha nova edición no Pazo de San Marcos. A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o edil de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero; e o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, presentaron este Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras esta fin de semana, do 25 ao 27 de setembro, e do 3 ao 4 e do 9 ao 12 de outubro. 

A institución provincial colabora cunha axuda de 40.000 euros, convertendo á Deputación na principal patrocinadora do evento, que contará con máis de 500 profesionais e que se emitirá en streaming a través da súa canle de YouTube Feiras Lugo, ao non haber público nesta edición pola pandemia do covid-19. 

García Porto sinalou que «esta colaboración é moi importante, pois con ela contribuímos a dinamizar a economía a través do sector primario nun momento tan complicado coma provocado pola pandemia, ao tempo que situamos á provincia de Lugo como referente da gandería cabalar a nivel internacional». 

A Deputada destacou que durante tres fins de semana «poderemos ver a máis de 300 dos mellores exemplares do país, nunha cita xa asentada na nosa provincia, que ano tras ano vai medrando en éxito e participación, con máis de 100 ganderías, e que nesta edición non haberá público pero poderase ver de forma online debido aos protocolos sanitarios da covid-19». 

Programación da feira do cabalo lucense

Como cada ano, Equigal, coa colaboración da Federación Hípica Galega, acolle a celebración de concursos morfolóxicos de cabalos e bestas pura raza española, galega e árabe, a proba de enganches, o concurso nacional de salto de obstáculos e o Campionato Galego de Raid. Concretamente, a programación da feira é a seguinte: 

25-27 de setembro

- XIII Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas Pura Raza Española: desde o venres á tarde os cabalos serán puntuados polo seu sexo, idade, morfoloxía e tamén pola súa funcionalidade. Esta raza destaca neste ámbito grazas á súa xenética, a súa beleza e a súa elegancia. 

27 de setembro

- Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas Pura Raza Galega: como no anterior, valoraranse e puntuaranse os exemplares seguindo uns criterios segundo a fidelidade ao prototipo racial definido. O cabalo de Pura Raza Galega é a única raza equina autóctona galega e ten un temperamento dócil, tranquilo, valente e intelixente que o fai apropiado para a equitación, tanto de lecer como deportiva. Exhibición de Doma Clásica. 

3-4 de outubro

- III Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas Pura Raza Árabe: este concurso réxese polo regulamento de AECCA e é puntuable para o Campionato de España. A asociación pretende dar a coñecer o cabalo de pura raza árabe, así como fomentar interese a nivel autonómico e nacional nunha modalidade deportiva tradicional como é este concurso. 

- Proba de Enganches: a competición consiste en realizar un percorrido con carruaxes tirados por cabalos ou ponis, pasando por “portas” compostas por conos de plástico, estreitas e con pouca marxe para o erro. Son probas de velocidade nas que as derribas dunha porta penalizan sobre o tempo investido. 

9-11 de outubro

- Concurso Nacional de Salto de Obstáculos: esta exhibición consiste en franquear dacabalo un percorrido de varios obstáculos construídos con barras, sen cometer ningunha falta nin de rexeite nin de derriba. As probas dispútanse seguindo varios baremos: contrarreloxo, caza, potencia, con cronómetro, entre outros, e clasifícanse en distintos grupos de acordo coas alturas, que oscilan entre 1,10 e 1,60 metros. 

12 de outubro

- Campionato Galego de Raid: por primeira vez, Lugo acollerá no seu conxunto esta competición autonómica. 

 Unha feira consolidada

O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.