Grandes

María L. Sández

LUGO

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes últimos días de agosto déixannos dúas efemérides significativas: o pasado día 22 fixo cen anos do nacemento de Isaac Díaz Pardo e o día 25 conmemóranse os 30 anos do

pasamento de Ramón Piñeiro. Ante a disxuntiva de escribir sobre un ou sobre o outro decidín facelo sobre o que os une. Piñeiro e Díaz Pardo foron persoas dotadas dun grande talento; mais decidiron antepoñer outras arelas á súa expresión e o seu cultivo e esta renuncia débese a un compromiso colectivo e, por suposto, é froito dunha personalidade humilde e xenerosa. Mentres o primeiro dedicou a meirande parte das súas enerxías a alentar o talento alleo e a envorcalo cara á expresión en galego, o segundo antepuxo o seu proxecto empresarial e cultural á súa actividade como pintor. Por iso a expresión «bos e xenerosos» do noso himno lles acae tan ben a eles.

Os dous sufriron a Guerra Civil e a ditadura e isto, en certo xeito, frustrou os seus soños. Recomendo, encarecidamente, mirar a foto de Isaac de neno, subido nunha cadeira e abrazado polo seu pai. A ollada franca e o sorriso de felicidade compartida magoan sabendo que ese pai morrería vítima da Guerra Civil. Mais seguro que esa infancia e o afecto que se percibe nesa instantánea tivo moito que ver co talante e a xenerosidade de Díaz Pardo e co seu compromiso e o seu desexo de honrar ás vítimas. Trátase, sen dúbida, de dúas figuras senlleiras do século XX que deixaron fonda pegada na nosa cultura. Porque os dous, malia o seu innegable talento (e a diferenza do que ocorre con outras moitas figuras), ilustran que por riba do artista está a persoa e iso é xustamente o que distingue aos máis grandes.