María López Sández: «Vexo xente con máis ganas de entrar nas librarías»

LUGO

María López Sández
María López Sández

A escritora lucense acaba de publicar «A noite da deusa», unha historia do xénero fantástico, pero en clave de feminismo

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A noite da deusa (Galaxia, 2020) xa chegou ás librarías. A terceira novela de María López Sández (Lugo, 1973), escritora, docente na USC e en BAC e investigadora, quedara tamén confinada durante os últimos meses, pois xa estaba para entrar no prelo en marzo, e a súa chegada ao mercado tivo que ser adiada por mor do estado de alarma pola pandemia do covid-19. Chega agora, e faino xa con recoñecementos, pois resultou finalista no XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil de la Deputación da Coruña, en setembro do 2019. Un premio que se suma ao listado de galardóns que acumula esta autora, como o Premio Francisco Aguiar (Betanzos) ou o Premio Francisco Fernández del Riego, entre outros. Coa súa primeira obra, o ensaio Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio, gañou no 2007 o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio; coa súa primeira novela, A forma das nubes, obtivo o Premio de Narrativa Breve de Repsol; coa segunda novela, O faro escuro, foi finalista do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia ; e agora chega A noite da deusa.

-Haberá presentacións este verán?

-Si, pero estamos pendentes da evolución da pandemia, e facendo todo con moita prudencia. Por agora, teño confirmada unha presentación na Feira do Libro de Monforte o 29 de agosto, e teño tamén unha proposta do Concello de Ames [López Sández reside en Bertamiráns].

-Como xurdiu a idea de escribir esta novela?

-Comezou porque O faro escuro leuse moito en institutos, e fun facer presentacións polos centros, unha experiencia que me gustou moito. Despois diso, decidín mergullarme no xénero fantástico, é un xénero que desde sempre me gustou e do que fun moi lectora. Pero no fantástico case sempre domina o masculino, nesa vertente épica ou mesmo no mesianismo sempre hai un protagonista masculino, como O señor dos aneis ou Harry Potter. Así que quixen reescribir historias de mesianismos, pero en clave feminina, unha alegoría do feminismo. Na novela está Andros, que é a encarnación do patriarcado, e tamén hai un conflito interno dentro das poucas mulleres que traballan larvadamente para dar poder ás mulleres. Hai unha destrución de obxectos, entre eles, unha capa, e aí xurde un conflito: un grupo de mulleres cre que a capa dálles invisibilidade e que ese tempo rematou e hai que optar por unha vía nova para o feminismo, mentres que outras temen o cambio. Todo iso con personaxes cheos de forza e atractivo, porque non se pode afogar a narración e a trama. Tamén pensei a historia en termos bastante multiculturais, de xeito que hai unha muller negra, unha asiática... pero o centro é Galicia, o Val das Mouras. De feito, xogo moito coa mitoloxía galega e coa corrente do ecofeminismo, falando da importancia da natureza, das árbores... Mesmo Xía, unha das protagonistas, está representada pola cor verde, como a luz do sol filtrada polas follas dos bidueiros.  

-Unha historia de tempos antigos, pero moi actual...

-Si. No xénero fantástico téndese á anulación do tempo. Pero aquí, cando Xía emerxe á superficie do mundo, atopa semáforos, ascensores, rañaceos... Hai alusións á ablación, ao empequenecemento dos pés, ao sometemento aos canons estéticos...

-Chegou da realidade actual a inspiración?

-Ás veces, a creación artística é un proceso onde o inconsciente traballa e non te dás conta de como xorden as ideas. Con O faro escuro, naceu dunha acuarela que me causou impacto e da que me dixeron que fora pintada pola fareira de Sálvora... Pero, neste caso, non houbo un momento así tan claro. Si é certo que xurdiu da reflexión sobre o xénero fantástico, sobre a cantidade de obras que hai que me gustan, pero ás que lles poño sempre o reparo no tema de xénero.

-É pronto xa para falar da seguinte obra?

-A verdade é que xa estou niso. Trátase dun libro sobre a experiencia da pandemia, unha obra ensaística, pero que ten moito de reflexión literaria, partindo da introdución do Decamerón, de Boccaccio. Fareino xunto ao fotoxornalista Miguel Muñiz.

-Foi «frutífero» o tempo de confinamento para a produción e o consumo literarios?

-Para moitos, durante a pandemia tiveron o primeiro contacto con libros dixitais. A cultura recorreu a outras canles e todos nos tivemos que reinventar. Pero creo que todo o mundo tiña ganas de volver ao presencial. Vexo xente con máis ganas de entrar nas librarías, de ter libros en papel... Tamén é certo que os momentos tan intensos e difíciles como os que vivimos sempre nos levan a cuestionarnos, e buscamos respostas nos libros. Creo que si que houbo máis lectura nestes meses porque lemos por algo, sempre buscamos algo. No meu caso, por exemplo, volveron a min libros que falaban de tempos de pandemias. A introdución do Decamerón de Boccaccio é unha fonte histórica e un documento literario importantísimo sobre a peste negra en Florencia: a narración permite imaxinar perfectamente o que viviron e sentiron. Tamén volvín a Edgar Allan Poe, con A máscara da morte vermella, tamén sobre a peste.

 Argumento

«Unha comunidade secreta traballa desde tempos antigos para construír prezados obxectos que outorgan poder ás mulleres. Vestidos tecidos en antigos aquelarres, alfaias feitas con metais e pedras semidivinas foron pasando de xeración en xeración co máximo secretismo. Se os sete obxectos máxicos se xuntan no día do solsticio no espazo sagrado das antigas deusas, unha conxunción de forzas dará orixe a unha nova era en que por fin as mulleres camiñarán ao lado dos homes. Pero Andros, o vello feiticeiro, conspira para evitalo. Só cando os sete obxectos máxicos estean xuntos sobre a mesma muller poderán ser vulnerábeis á destrución».

«No xénero fantástico case sempre domina o masculino (...), así que quixen reescribir historias de mesianismos, pero en clave feminina»