O gardián da igrexa de O Carme

María Guntín
maría guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Este rapaz compatibiliza o seu traballo na cofradía cos seus estudos universitarios

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago Iglesias ten 20 anos e moitas inquedanzas persoais. Estuda Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e é o secretario da cofradía de O Carme. A este rapaz gústalle a arte, a historia e a cultura dende que ten uso de razón. Pero tamén inflúe moito a paixón da súa nai pola historia e que a súa familia forma parte da cofradía dende os anos 80 e, ademais, Santiago é cofrade dende pouco despois de nacer.

Atención a peregrinos

«Hai moita xente que ven con guías como Guido ver a igrexa, e eu cóntolles a súa historia e a importancia artística que ten para a cidade», conta Santiago, que tamén sella as credenciais dos peregrinos e participa na organización dos oficios relixiosos. Todo isto compatibilízao cos seus estudos universitarios.

Algunhas das cousas que conta Santiago nestas visitas falan da historia desta igrexa, situada en plena saída dende Lugo do Camiño de Santiago, «ergueuse a finais do século XVIII, pero a construción comezou en 1778 e rematou en 1820 porque os recursos dependían da cofradía», conta Santiago, que tamén explica que a igrexa se fixo sobre unha antiga ermida na honra da virxe do Camiño. Estes son só algúns dos datos que coñece ben Santiago, ao que non se lle escapa ningún dos segredos da igrexa de O Carme, con trazados barrocos e neoclásicos. A súa mestura de estilos so é comparable cos da Catedral de Lugo.

Dúas persoas novas

Antonio de los Ojos é o presidente da cofradía e tamén coñece moi ben a Santiago. «De esta idade, só temos dúas persoas, mentres que na cofradía somos máis de 1.000», comenta el, reflexionando tamén sobre a falla de relevo xeracional nesta índole. A cota que pagan os cofrades destínase ao mantemento da igrexa, que precisa algunhas reformas e que presenta bastante deterioro por humidade. Precisa unha restauración e Antonio comenta que xa están en conversacións co Concello para que se poida producir. A mágoa é que por esta igrexa chove no inverno.

As misas celébranse todos os días 16 de cada mes e a novena do Carme é do oito ao 16 de xullo. O 17 é a misa polos defuntos da cofradía. En tempos, eran moitas as parellas que ansiaban con casarse nesta igrexa. Agora, nela séguense oficiando vodas, bautizos e comuñóns.