Miles de camiños


Neste tempo de viaxes virtuais, mentres a Unesco divulga por todo o mundo o interese da muralla de Lugo, incluída entre un total de 40 enclaves Patrimonio da Humanidade para a súa difusión na páxina web, o concello de Xermade promove, a través da rede, as rutas de sendeirismo que o percorren, que van desde os pequenos percorridos circulares de 600 metros, como a Ruta dos Pasos da Pontenova, ata outros de 14 quilómetros, como a ruta do Trimaz, que atravesa pontes e fragas. O confinamento fíxonos lembrar o importante que é o contacto coa natureza. Xa desde comezos do milenio apareceron libros como O último neno do bosque, de Richard Louv, e popularizáronse a noción de Trastorno por Déficit de Natureza e outras doenzas asociadas, como a solastalgia, concepto proposto polo filósofo Glenn Albrecht para definir a sensación que nos invade cando a nosa contorna ou o noso fogar se ven modificados bruscamente. O desconfinamento é unha oportunidade para redescubrir as nosas rutas, os carreiros e as fragas que aínda conservamos. Chega o verán e o turismo virá; as praias encheranse de persoas e será difícil, por momentos, gardar as distancias de seguridade. Haberá, sen dúbida, preocupacion de que poidan converterse en focos de contaxio. Mais, mentres, están aí os miles de camiños que nos agardan. Porque o bosque, o ruído da auga dos ríos e o son do vento nas árbores son tan envolventes e poderosos coma o mar. Este pode ser un ano para redescubrir esoutra Galicia tan engaiolante como a da costa e espallármonos, con maior seguridade, polo territorio.  

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Miles de camiños