Guido Álvarez: «A xente ten ganas de saír e apoiar proxectos da terra»

Laura López LA VOZ / LUGO

LUGO

O guía lucense de turismo explica que en xuño comeza o programa «Redescubrindo Lugo» cun paseo guiado por Piornedo

27 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Guido Álvarez, guía lucense de turismo, responsable de Guido Guía, puxo en marcha os paseos guiados «Redescubrindo Lugo», unha novidosa proposta pensada para gozar da provincia este verán. A primeira saída será a Piornedo, previsiblemente en xuño. Contará con paseo guiado, actividade de identificación de plantas medicinais, xantar no Chao das Penas, visita á Palloza-Museo Casa do Sesto, nova visita guiada e charla sobre as pallozas. As reservas poden facerse en guidoguiaturismo@gmail.com, por 13 euros (30 por un bono de tres xornadas) adquiríndoas antes do día 31, e 15 euros máis tarde.

-Que acollida están tendo as xornadas?

-A gran acollida deste proxecto estame causando unha particular emoción por moitas razóns. É a primeira vez que propoño unha actividade sen data confirmada, e nestas tres semanas xa máis de cincuenta persoas adquiriron bonos ou xornadas de xeito anticipado. Creo que se suman dous feitos clave: dun lado, que a xente xa me coñece, e do outro, que creo que neste momento a xente ten unhas especiais ganas de saír e tamén de apoiar proxectos que apostan pola terra.

Outro dos éxitos é que dende que lanzamos as xornadas o 4 de maio, dende esa mesma mañá, contactáronnos un montón de concellos, asociacións, profesionais e institucións interesadas en integrarse e colaborar. De momento xa son 14 os concellos que concretaron o seu interese en apoiar a iniciativa, moitos colectivos, e tamén institucións con moito prestixio, como o Campus Terra da USC. E aínda agora estamos abertos a que se integren máis concellos e colaboradores.

-A quen van dirixidas?

- Como case todas as actividades que organizo, é para todos os públicos. Por esa razón, falo sempre de paseos guiados e non tanto de rutas. Porque os meus itinerarios son sempre relativamente asequibles para todos, e sen un afán meramente deportivo. Dende que volvín a Lugo no 2015 ás miñas actividades veñen dende nenos ata persoas de idade avanzada, dende «aborixes» ata inmigrantes ou viaxeiros. Hai unha mestura marabillosa que creo que é unha das claves dos éxitos destes anos. Entendo que no programa #RedescubrindoLugo os turistas de fóra irán integrándose de xeito gradual, xa que todo dependerá das medidas que vaia tomando o Goberno, e do animada que estea a xente para viaxar.

-Por que comezan por Piornedo?

-Cando os meus colaboradores e eu lanzamos o proxecto, apostamos primeiro polo seguro: 20 xornadas nos lugares onde eu xa guiara, ou onde tiña colaboradores de moita confianza. Agora ampliouse e xa temos 15 xornadas máis, pero para comezar preferimos tirar por aqueles lugares que dominamos máis. En Piornedo levo traballando moitos anos, a primeira vez foi no 2009 na creación dun xeoportal turístico dos Ancares e do Courel para o Idega. Cando volvín a Lugo no 2015 tomei moito contacto con Piornedo Anda e ca Palloza-Museo Casa do Sesto, principalmente con Lola e Isolina, dúas mulleres que naceron nas propias pallozas e organizan roteiros pola zona con moita frecuencia. Xa organizamos xuntos moitas excursións e proxectos, e neso seguimos. Xustamente a crise sanitaria colleunos cando tiñamos un moi chulo a punto de lanzarse.

Primeira parada, Piornedo. Piornedo é un destino co que Guido Guía leva traballando desde o 2009. Na imaxe, unha das rutas que organizou pola zona.
Primeira parada, Piornedo. Piornedo é un destino co que Guido Guía leva traballando desde o 2009. Na imaxe, unha das rutas que organizou pola zona.

-Que outros paseos se levarán a cabo?

-Barreiros, Negueira de Muñiz, Mondoñedo, Ribeira Sacra, Viveiro, Portomarín, O Courel, Foz, Cospeito, Monterroso, A Pontenova, Begonte, Alfoz, O Xistral, Ribadeo, Castro de Rei, O Valadouro, Os Mundos do Miño, Arte Urbana Lucense, Lucus Augusti, Friol, Xove, O Incio, Outeiro de Rei, Castroverde, Cervo, Guitiriz, O Vicedo, Vilalba, Palas de Rei, Meira, As Nogais e Sarria son de momento as 33 xornadas que acompañan a esta primeira de Piornedo. Por agora non temos datas pechadas porque estamos agardando a que se concreten máis os detalles das medidas da fase 3 e de cando esta pase, pero a idea é que comecen ou ben na fase 3 ou ben cando esta remate; se todo vai ben, semella que sería en xuño. A previsión inicial era tratar de encaixar todas as xornadas nos meses de verán (xuño-setembro), pero como isto está a ter un éxito tan grande, a idea é estendelas xa non só ata finais de ano, senón tamén para o 2021 ou mesmo convertelo nun formato para moitos anos.

-Como se organizarán en canto a medidas de seguridade?

-Seguindo absolutamente as indicacións que marquen as autoridades. Xustamente por iso estamos agardando un chisquiño máis para lanzar a primeira data, porque queremos ter claros cales van ser os límites de participantes recomendados para este tipo de actividades, e tamén ver como evolucionan estas semanas as medidas aconselladas para rutas, paseos e visitas guiadas. Temos compañeiros noutras provincias que xa comezaron a facer rutas e paseos, e así como agora parece que xa se estabilizaron, nos primeiros días tiveron que ir rectificando rumbos. Nós preferimos agardar un pouco máis para ir máis sobre seguro.

-Que outras iniciativas está preparando? Como vai o proxecto «O meu Lugo favorito»?

-O que máis mudou esta crise sanitaria foron os servizos a medida. O «calendario turístico» clásico e todas as reservas desapareceron, aínda que agora volven rexurdir. Sen embargo, os meus proxectos propios continúan, con maior demanda, e efectivamente naceron outros como o Lugo Favorito ou Redescubrindo Lugo. Cando se reinicie a actividade non só van comezar as xornadas #RedescubrindoLugo, senón que van volver os paseos guiados #OLugoMenosCoñecido (quedamos no capítulo XIX, con «O Lugo dos Sentidos») e faremos o/s prometido/s paseo/s polo #LugoFavorito. A xente meréceo. Foron máis de 500 as persoas que escribiron relatos en papel sobre os seus lugares favoritos e memorias da cidade. Impresionante. A idea é que os tres proxectos comecen ou se reinicien en xuño, e logo queda pendente o libro e quizais unha exposición deses relatos... trataremos de facelo realidade antes de que remate o ano.

«Máis de 500 persoas escribiron relatos sobre o seu Lugo Favorito e faremos paseos sobre iso»