O medo a dar pasos en falso mantén á clientela acazapada

LUGO

Tenda de xoguetes Din Don en Lugo
Tenda de xoguetes Din Don en Lugo OSCAR CELA

Algúns compradores aseguran que non subiran ao centro en dous meses porque víano irresponsable

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sería unha mañá de sábado normal se non fora polo peso da responsabilidade co que cargan desde fai semanas compradores e vendedores. Ambos queren volver a sentirse como antes do 14 de marzo, pero se non actúan con cautela saben que os esforzos serán en balde. E así é como dentro e fora das tendas as voces detrás das máscaras recoñecen que existe «medo» a unha recaída e que, polo tanto, a actitude dos poucos que saen a comprar algo máis alá do que ofrece o supermercado fano cunha disposición total a cumprir coas medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.

«Non quero que teñamos que ir para atrás, que por culpa de catro ou cinco paguemos todos», di Manoli ás portas dunha óptica na rúa da Raíña. Non tería subido ao centro se non fora porque as gafas que lle regalou ao seu fillo antes do estado de alarma non se lle acomodan. Ademais, afirma que polo de agora, se lle apetece unha cervexa a tomará na casa, «que no super tamén as hai», engade.

Isto axuda a normalizar a situación, pero haberá que agardar para ver despois as consecuencias

A mesma prudencia amosa Isabel, que agarda na rúa a poder entrar nunha firma de carcasas para móbiles. «É o primeiro día que veño ao centro e vexo bastantes medidas de seguridade. Isto axuda a normalizar a situación, pero haberá que agardar para ver despois as consecuencias», advirte.

Dentro dos comercios confirman que a teima aos contaxios perdura, pois a afluencia é pequena e a disposición a cumprir coas normas de hixiene e protección, total. «O 90% da xente é moi razoable e cumpre con todas as esixencias. Ao resto invítolle a cumprir as normas», explica Susana Barro, dona da librería El faro de los tres mundos.

Susana Barro, de El faro de los tres mundos, en Lugo
Susana Barro, de El faro de los tres mundos, en Lugo OSCAR CELA

Atenden á súa clientela unha por unha, pero as ventas son aínda pequenas. «Contentos non estamos porque levamos dous meses sen facturar e hai xente que aínda ten moito medo a saír», reflexiona.

«Moi contentas»

Na tenda de xoguetes Din Don perciben esa mesma cautela, pero subliñan a responsabilidade coa que adultos e nenos entran a este negocio. «Estamos moi contentas, a xente está respondendo moi ben», afirman a coro María e Ana, traballadoras neste local.

«Xa se esperaba que houbera pouca venta nestes primeiros días», asegura Mariluz Zolle, encargada de Almacenes Galán. Abriron esta mesma semana cun horario reducido, pero con descontos na roupa de cama para animar un pouco á clientela. «Estase a vender ben», apunta. Na súa maioría, a esta tenda acoden persoas de idade avanzada. Zolle cre que por ser un grupo de risco ante o covid-19 se amosan especialmente coidadosas. «Respetan as distancias, traen máscara e aplícanse xel», resume.

Especializados na pesca

Os afeccionados á pesca levan semanas preparándose para a volta ao río e nos comercios especializados nesta actividade notan certo movemento, aínda que sen chegar a ser frenético. «O estado de alarma pillounos con toda a mercancía de pesca comprada. A temporada comezaba ao día seguinte», sinala María José Alonso, dona do comercio Campo Base.

Maria Jose Alonso, del comercio especializado en pesca Campo Base, de Lugo
Maria Jose Alonso, del comercio especializado en pesca Campo Base, de Lugo OSCAR CELA

«A xente é moi responsable. Veñen á tenda e piden o que necesitan. Levan dous meses parados, así que téñeno moi claro. Se lles dicimos que boten o xel, utilízano sen problema», describe Alonso, que ven de aplicarlle á roupa de tempada unha rebaixa no prezo do vinte por cen. «Abrimos a tenda esta semana con descontos como unha maneira de chamar ao cliente, de que viñera», afirma.

Atoparse de novo coa clientela fixa está sendo para María José unha «experiencia», pois resúltalle un pouco «frío» o feito de non poder entrar en contacto directo con ela. «A venta está aínda moi parada porque penso que a xente ten medo a saír para comprar», asegura.