Educación virtual

LUGO

14 may 2020 . Actualizado a las 09:01 h.

Anecesidade do confinamento e da restrición do contacto social á que nos levou a pandemia tivo, como unha das primeiras e máis importantes repercusións, a interrupción da docencia presencial. Profesionais do ensino, alumnos e alumnas e tamén nais e pais tiveron que se acomodar a unha nova realidade. A adaptación ao novo escenario implicou unha aprendizaxe e neste caso moitas persoas (non só docentes, tamén as familias) aprenderon a manexar novas aplicacións que permiten dar clases telemáticas ou xestionar unha aula virtual. Durante as primeiras semanas, algúns nenos, sen dúbida, vivírono como un agasallo, coma unhas pequenas vacacións; mais axiña se decataron de varias cousas: que o teletraballo supón, en grande medida, máis traballo e menos aprendizaxe; que, nunhas circunstancias coma estas, o contacto cos compañeiros se bota de menos; e que se están perdendo todas esas cousas que acontecen entre as clases ou na hora do recreo.

Cumpriría matizar por idades e tamén por circunstancias do alumnado, porque unha das grandes vítimas do ensino virtual é a atención á diversidade. A educación telemática pode acomodarse ben a certo tipo de alumnos e alumnas, (aínda que mesmo para estes é peor e perde, como mínimo, a parte da socialización e da educación emocional); mais está completamente contraindicada para os rapaces que carecen de interese ou motivación ou teñen necesidade específica de apoio educativo. Por moitas actividades que colguemos nas aulas virtuais e por moitas clases telemáticas que deamos, destes días o mellor que pode quedar é o tempo compartido na casa; as lecturas realizadas; ter aprendido a coidar as plantas ou a cociñar e, sobre todo, adquirir o convencemento de que no contacto humano nunha aula hai unha maxia que non se pode substituír a distancia.