Os espazos da memoria

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

08 abr 2020 . Actualizado a las 08:17 h.

Nestes días de confinamento, botamos máis de menos ca nunca eses espazos polos que transitamos decote, case sen fixármonos, e que só agora valoramos como cómpre. Xa dicía Gaston Bachelard que a memoria está moito máis ancorada no espazo ca no tempo e as nosas vivencias, as nosas emocións e as etapas da nosa vida fican presas por fíos invisibles aos lugares que habitamos. Por iso non é estraño que, nos albores desta inusual primavera, nos asalte a saudade dunha volta á muralla, a calor do sol nas costas do parque, o paseo polas beiras do Miño e o Rato ou o bulir da xente e a calidez humana nas terrazas da praza Maior.

A Deputación tomou a decisión de liberar a aplicación Lugo Cambia 360, que permite unha viaxe virtual por 25 enclaves da provincia. Seguramente, algúns moi queridos para calquera de nós estarán aí, para que non sexa só a imaxinación a que nos transporte á muralla ou ao miradoiro de San Roque, en Viveiro…

O meu avó, no seu derradeiro día de vida, evocou a cerdeira da aira da súa casa, unha casa de aldea que deixara 45 anos antes para marchar a Lugo. Nun día chuvioso de novembro, lonxe no espazo e no tempo, estendía o brazo como o neno que foi. E teño para min que sentía o sabor das cereixas. Probablemente, moitos dos nosos anciáns asustados nas residencias asediadas pola COVID-19 tamén evocarán estes días os seus propios espazos da memoria, os seus particulares paraísos perdidos da infancia e o máis triste é que, na maioría dos casos, non haberá ninguén ao seu carón para escoitar o nome do lugar e intuír o sabor das cereixas.