Castelao nos Goya

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

29 ene 2020 . Actualizado a las 08:21 h.

Dicía Oscar Wilde, xusto nas antípodas do que a meirande parte da xente pensa, que a vida imita a arte.

E eu coido que estaba no certo. Esta semana tivo lugar unha das festas colectivas da cultura, a entrega dos premios Goya, nos que houbo unha presenza importante de Galicia. A gañadora do Premio á mellor actriz revelación, Benedicta Sánchez, é natural de San Fiz de Paradela, unha parroquia de pouco máis de cincuenta habitantes a escasos quilómetros de Lugo. E se ela vestiu para a ocasión do deseñador galego Adolfo Domínguez, o seu compañeiro de reparto, Amador Arias, visibilizou especialmente a nosa cultura ao lucir un traxe, obra da deseñadora viguesa Patricia González, no que se deixaba ver, nun efectista xogo bicolor, o autorretrato de Castelao.

Este xesto, que evoca a Andy Warhol convertendo o rostro de Marilyn nunha icona da arte contemporánea, ou as miles de réplicas de Mike Jagger espalladas en diversos soportes da cultura popular, ten toda a forza simbólica e mítica da arte que se inspira na vida.