Persoal do hospital loce chapas identificadoras para mellorar a relación co paciente
05 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Hai uns anos, no Reino Unido, unha médico sufriu unha enfermidade que a obrigou a estar ingreada nun hospital. Durante a súa estancia decatouse de que os profesionais que a atendían xeralmente se dirixían a ela sen identificarse previamente, co cal, a pesar de ser doutora, custáballe saber con quen estaba falando. Cando se repuxo, esa médica decidiu que, na súa medida, poñería solución a iso e lanzou unha campaña para concienciar ao persoal sanitario da importancia de identificarse diante do paciente. O «hello, my name is» británico é o espello no que se mirou a iniciativa «Ola, chámome» do Hospital Universitario Lucus Augusti.
A proposta é tan sinxela como efectiva. Da man de Docencia, Calidade, Humanización e Enfermaría, están a repartir entre os profesionais do HULA chapas identificadoras co nome de cada traballador. Deste xeito, cando por exemplo unha enfermeira se achega a un paciente por primeira vez, diralle o seu nome, que consta ademáis na chapa de cores que loce.
«Realmente la pretensión es mejorar la comunicación en el entorno sanitario. Sobre todo, con los pacientes, pero también entre los propios profesionales, porque somos muchos y no siempre conoces a todo el mundo», explican dende o centro hospitalario.
O bautizo da iniciativa, describe a supervisora da área de docencia de enfermería, Ana Murado, tivo lugar nunha xornada profesional de enfermaría celebrada no mes de outubro, e dende entón a proposta correu como un río de pólvora e xa se imprimiron máis de 2.000 chapas. Moitas delas lócense nos hospitais da Burela e de Monforte, e mesmo de outras áreas sanitarias xa houbo quen lles solicitou que lles fagan algunha identificación.
«Notamos que el paciente nos llama más por el nombre y que se establece una mejor relación», describe Elena Cendán, unha das supervisoras. Con un obxecto tan pequeno e humilde como é unha chapa, están a dar un paso para humanizar o hospital e a relación persoal-paciente.
Esta será ademais a primeira iniciativa dun decálogo de humanización no que se está a traballar dende o hospital lucense.
Os Reis Magos chegarán ao hospital escoltados por romanos da Cohors
Os Reis Magos, como todos os anos, tamén farán parada no Hospital Universitario Lucus Augusti. O pasado día 3 achegouse o carteiro real a recoller as cartas, e mañá serán as súas maxestades de Oriente as que visitarán o centro.
Pero non o farán de calquera xeito. Chegarán escoltados polo exército imperial das Cohors III Lucensium, o que engadirá vistosidade á cabalgata. Os actos comezarán ás 16:30 e terán como punto neurálxico o salón de actos, se ben os Reis farán tamén visitas ás diferentes plantas de hospitalización. Tamén se achegarán ata o centro residencial de Calde.
Aproveitando a celebración da cabalgata, farase entrega dos premios da sexta edición do certame de decoración de Nadal do HULA.
Coa cabalgata de mañá, o Lucus Augusti porá punto e final á programación de Nadal, que foi moi ampla e variada, sobre todo na área de pediatría. Entre as iniciativas que se levaron a cabo estivo a visita de Papá Noel acompañado de bonecos de Diney, unha papanoelada, música, panxoliñas, a entrega de agasallos para os máis pequenos por parte de distintos colectivos, ou o teatro para pacientes e profesionais de saúde mental do hospital de día. Houbo tamén contos de Nadal pedagóxicos, un recital da coral do hospital e un concerto de piano, ademais de talleres de Nadal nos que se fixeron diversas pezas. Todo, para conseguir que a estancia hospitalaria fora o máis levadeira posible.