Lara Méndez: «O parador é unha irresponsabilidade da que o Concello non pensa ser cómplice»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

óscar cela

Diputación e Subdelegación insisten no non ao parador, e o PP local respáldao

14 dic 2019 . Actualizado a las 18:33 h.

A alcaldesa de Lugo tachou de «ocorrencia» e contextualizou na precampaña a proposta de parador en San Fernando. «É unha irresponsabilidade da que este Concello non pensa ser cómplice». Lembrou que no seu momento Lugo investiu 2,4 millóns na compra do inmoble e que a iso se lle engadiu a elaboración do proxecto técnico. Méndez négase en banda a que «se sumen outros dez millóns máis para volver cedera a súa explotación».

A rexedora considera que a súa posición supón ser respectuosos «co sentir unánime da sociedade luguesa». Recordou ademais que «con 182 prazas hoteleiras en construción no casco histórico e as súas proximidades, Lugo non necesita máis hoteis, necesita un Museo da Romanización para reunir e potenciar todo o patrimonio». Ademais, lembrou que Paradores «tampouco é o noso modelo tendo en conta que dende 2010 esta empresa pública acumulou seis exercicios continuados de perdas e unha débeda que superaba os 110 millóns de euros, un ERE de 350 persoas, e o risco de peche de 7 dos seus establecementos».

ALBERTO LÓPEZ

Isabel Rodríguez: «Por se alguén tiña dúbidas, está claro que Lugo non pode contar con Feijoo para nada»

O goberno central tamén entra nos plans da Xunta para conseguir o parador. Sen embargo, a subdelegada do goberno na provincia, Isabel Rodríguez, xa deixou claro que a súa opinión é contraria á proposta autonómica.

A subdelegada lamentou que a Xunta «volva incumprir compromisos adquiridos coa cidade de Lugo» e argumentouno explicando que «por se alguén aínda tiña algunha dúbida, está claro que Lugo non pode contar con Feijoo para nada. Aquí todo o que fai a Xunta é porque o gañaron a pulso os veciños a base de presión. Feijoo presume de bo xestor pero o único que fai é intentar que os demais lle saquen as castañas do lume».

Rodríguez asegura sentir vergoña allea. «Deben pensar que os de Lugo somos parvos. Con actuacións coma esta, non me estraña que os veciños perdan a confianza nos políticos. Están a facer un exercicio que parece máis propio de trileiros que de responsables públicos».

A subdelegada cuestiónase «que mal lles fixo esta cidade para que agocharan o proxecto do Museo da Romanización no que investiron fondos públicos?».

ALBERTO LOPEZ

Ramón Carballo: «É un proxecto integral, serio, ambicioso e global»

O voceiro Partido Popular define como «unha oportunidade para Lugo» o proxecto para San Fernando e a reformulación da oferta museística. Considera Ramón Carballo que se trata dun proxecto «integral, serio, ambicioso e global, avalado por un rigoroso estudo, que abarca non só o edificio do cuartel de San Fernando senón que se abre a outras instalacións que están infrautilizadas como o MIHL. Tamén resulta moi interesante a delegación que plantexan para abrir unha sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo».

O popular ve a proposta como «pensada para mellorar o posicionamento cultural de Lugo e que podería servir de revulsivo para conseguir que o casco histórico sexa o cuarto Patrimonio da Humanidade».

OSCAR CELA

Maite Ferreiro: «Que nos deixen ás administracións de Lugo decidir onde investir»

Maite Ferreiro compaxina a titularidade das áreas de cultura no Concello de Lugo e na Deputación, onde é vicepresidenta. De aí que onte se pronunciase de novo sobre a cuestión. «Agradecer ao conselleiro que poña a disposición eses cinco millóns de euros para Lugo, non é sen hora, pero dende as administracións de Lugo seremos quen de saber onde imos investir eses cartos».

Lembrou o gran patrimonio existente nas comarcas e que se está a perder e reclamou «que deixen as administracións de Lugo decidir onde nos parece máis axeitado investir» os cinco millóns.

A concelleira apuntou que tiñan solicitada unha reunión con Román Rodríguez e que esta terá lugar o día 23. No encontro exporanlle as necesidades da cidade.