A Xunta pon en marcha en Lugo un plan para potenciar a enogastronomía

LUGO

penoucos

A experiencia dará comenzo coa Ruta do Queixo e do Mel en 13 concellos lucenses

03 dic 2019 . Actualizado a las 18:07 h.

A Xunta pon en marcha o chamado Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia, un documento que, tras un extenso traballo de campo, permitiu identificar na nosa Comunidade máis de 2.000 recursos enogastronómicos. É unha das medidas que inclúe a estratexia Galicia Sabe para potenciar a nosa Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel e que hoxe presentou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xunto coa directora da Axencia Turismo de Galicia, nun acto celebrado no Castelo de Pambre, en Palas de Rei. 

Segundo o responsable de Cultura e Turismo, este proxecto, que será compartido co sector para o seu uso profesional, permitirá detectar e priorizar destinos cun alto valor enogastronómico, poñer en marcha novos produtos turísticos a medio e longo prazo e coñecer mellor os recursos da Comunidade co fin de optimizar o traballo neste sector.

Román Rodríguez salientou que tanto esta como o resto de accións incluídas ao abeiro da estratexia Galicia Sabe suporán un «verdadeiro impulso» para a enogastronomía galega, que na actualidade constitúe a segunda razón pola que os visitantes chegan a Galicia. 

Patrimonio cultural inmaterial

Entre as novidades que inclúe este proxecto destacan, por unha banda, accións para o recoñecemento e protección do sector enogastronómico da nosa terra. Entre esas iniciativas destaca o impulso á declaración da gastronomía como patrimonio cultural inmaterial galego. 

Ademais de promover esta declaración, Galicia Sabe favorecerá a elaboración da chamada Memoria do Sabor, unha guía do enorme patrimonio culinario de Galicia que exercerá como recompilación de costumes, produtos, prácticas culturais ou receitas que definen a cociña de Galicia.

Aposta pola profesionalización 

O segundo dos eixos desta folla de ruta pasa por impulsar o coñecemento, a formación e o I+D+i vinculado á gastronomía con accións como a creación do Mapa de Valor da Enogastronomía de Galicia. Neste eido, a estratexia Galicia Sabe inclúe tamén entre as súas liñas de acción o proxecto de renovación do Centro Superior de Hostelería de Galicia para convertelo nun polo de innovación tecnolóxica coa creación do novo grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira en colaboración coa USC e a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro para dinamizar a actividade emprendedora neste sector. 

Impulso aos produtos enogastronómicos

Ademais, esta folla de ruta para potenciar a enogastronomía galega permitirá impulsar itinerarios e rutas arredor de produtos agroalimentarios con identidade e tradición, amparados por Denominacións de Orixe, Identificacións Xeográficas Protexidas ou outras marcas de calidade. A primeira delas será a Ruta do Mel e do Queixo, un proxecto piloto ao redor destes produtos que nesta proposta inicial percorre 13 concellos da provincia de Lugo puntos da provincia de Lugo. 

No marco desta liña de actuación, a Xunta promoverá ademais a renovación e mellora das festas enogastronómicas galegas. Neste eido, traballarase de xeito conxunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dunha ordenanza tipo que permita harmonizar os criterios organizativos e estéticos destas festas.