Un segundo fogar para os nenos

María Guntín
maría m. guntín SARRIA / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O servizo de atención á infancia é gratuíto e teñen preferencia os pequenos que vivan no municipio

27 jun 2019 . Actualizado a las 12:55 h.

Henar Yáñez estudou Educación Social. A súa paixón sempre foron os nenos. Agora está á fronte e xestiona a nova casa niño do Páramo, e ao seu cargo están seis cativos de entre nove e 20 meses. Nesta pequena gardaría admítense cativos de entre tres meses e tres anos, de nove da mañá a cinco da tarde e de luns a venres. Henar ten ata cinco pequenos á vez, e non máis, para garantir así un trato próximo que permita dedicarlle a cada cativo o tempo que precisa. A algúns deles, esta mestra acompañaraos durante o que podería ser o proceso de aprendizaxe máis importante da súa vida, que transcorre na infancia máis próxima e que fai que os nenos comecen a desenvolverse, persoal e físicamente.

Socializar

«Hai xente que prefire traelos aquí simplemente para que estean con outros nenos e saian do seu círculo persoal», explica Henar. Hugo é un dos seus pequenos. É tímido, pero só ao principio. En outubro cumprirá dous anos. Gústanlle as pelotas e tamén os peluches. A súa mestra tamén é a encargada de darlle de comer.

A casa niño de O Páramo está situada a carón do colexio, o que facilita que os pais con varios pequenos poidan deixalos nas dúas institucións rapidamente. Esta pequena gardaría está situada no que foi a biblioteca do Concello. Fóra, un parque permite que, nalgunhas ocasións, Henar poida sacar os nenos respirar aire puro e a xogar coa natureza.

Esta mestra ten moitos proxectos para os pequenos. «Quero que pinten con utensilios adaptados á súa idade, facendo cousas relacionadas coas estacións, por exemplo», explica esta muller. A creatividade é algo fundamental para o desenvolvemento das capacidades persoais de cada cativo, por iso potenciala é algo fundamental para motivalos e que poidan aprender dende pequenos que é o que máis lles gusta.

«Aquí hai menos nenos que nas gardarías, polo que ambiente é máis familiar» conta Henar, que se mostra máis que satisfeita con como se están adaptando os nenos. «Non choran e están contentos», engade. A casa niño do Páramo é un servizo de atención á infancia gratuíto. Está financiado pola Xunta e as instalacións foron cedidas polo Concello. Este tipo de atención pretende facilitar a conciliación laboral e familiar das persoas que residan no municipio.

ALBERTO LÓPEZ

Horarios flexibles

Os horarios son flexibles, e todo pode falarse con Henar, que coordina as necesidades de cada pequeno e dos seus pais. Estes só teñen que aportar as cousas que comprenden as necesidades básicas dos nenos; é dicir, comida, mudas, obxectos de hixiene e o que consideren que é preciso para que os pequenos leven unha rutina normal nas horas que pasan no servizo.

A facilidade de elixir o horario asígnase en función da orde de inscricións. Teñen preferencia as persoas que residen no Páramo e, no caso de recibir un aluvión de solicitudes, Henar é a encargada de pedirlles aos pais máis documentación, como, por exemplo, a renda familiar.