O novo alcalde, número dous dos socialistas, recoñece que as negociacións co BNG foron «difíciles»
19 jun 2019 . Actualizado a las 12:45 h.O número dous dos socialistas de A Fonsagrada, Carlos López, converteuse o sábado no novo alcalde do municipio. O BNG foi chave para desempatar entre o PP e o PSOE e conseguir que López se convertera en rexedor. A nacionalista, María Xosefa Ortiz, tivo o voto decisivo para investirlle.
-Como xestionou o PSOE esa condición que para o BNG apoiase a lista socialista?
-A verdade é que non foi fácil. Sempre pensamos que nas negociacións que íamos ter co BNG para formar un goberno de esquerdas nunca se ían a poñer os nomes por riba dos programas. Nós críamos que a candidatura do PSOE, encabezada por Argelio, tiña os suficientes apoios para seguir gobernando co mesmo alcalde. É verdade que as negociacións foron difíciles e nunca puidemos avanzar máis en asuntos de xestión e solución de problemas porque sempre nos atopábamos con esta condición de que o PSOE tiña que facer un corremento de lista.
-Un veto?
-Si, foi un veto. Foi a condición sine qua non para que puidéramos recibir o apoio do BNG. Na última xuntanza, pouco antes da celebración do pleno de investidura, Argelio, nun acto de xenerosidade e para que primase un goberno de esquerdas dixo que non ía ser un estorbo.
-Que lectura se fixo dende o PSOE fonsagradino da perda de votos nestas eleccións?
-Perdemos as eleccións, o Partido Popular foi a lista máis votada. É certo que só cunha diferenza de 11 votos. Que puido pasar para que dun apoio maioritario con oito concelleiros hai catro anos o PSOE baixe a cinco? Hai moitos factores, ao mellor non soubemos explicar ben a nosa xestión. É certo que esa maioría tan ampla nos puido levar a confiarnos un pouco. Está o tema de que Argelio e a Deputación sufrise eses problemas, practicamente dende o pleno constituinte onde houbo sucesivos cambios de xente nas distintas áreas. El ano e medio antes das eleccións municipais tivo que facerse cargo dunha vicepresidencia e dunha delegación de obras que antes estaba a cargo de Manuel Martínez. Iso roubáballe moito tempo e quizais no resto do equipo non soubemos facer ese traballo que el no podía facer.
-As imaxes lamentables que se viron na Deputación puideron salpicar a Argelio Fernández?
-As imaxes que se viron non eran agradables. Penso que puido afectar a imaxe de todos os deputados e como deputado que era lle puido afectar.
-Entendemos que o BNG vai a entrar no goberno?
-Está enriba da mesa. Nós no acordo da última mesa de negociación que tivemos o sábado antes do pleno, falouse desa posibilidade. Nos demos un tempo de dous ou tres meses para poder facer esa integración e como levamos adiante esa integración.
-Non podo rematar a entrevista sen preguntarlle, como valora a dimisión de Álvaro Santos?
-Todos sabemos que cando nos presentamos baixo unhas siglas estamos obrigados a acatar as decisións dos órganos e foi algo que se aprobou nun comité nacional. Acatar a decisión que fai a executiva nacional galega é o que temos que pensar e que en menos dun ano temos unhas eleccións autonómicas e hai que tratar de formar un goberno de esquerdas.